Diferentes historiadores analizan o papel da muller na recente historia con exemplos da realidade galega de cada período e cunha liña temática transversal que nos achega a análise de cada momento histórico dun xeito máis comprensible. A muller foi acadando espazos de visibilidade propios, lonxe dos tutelados polos homes. A imaxe que durante anos nos sinalaba a muller como un elemento sen iniciativa é cuestionada neste estudo grazas á análise que se leva a cabo da realidade do momento.
7 / 3 / 2012
Gustavo Hervella. Santiago de Compostela
A editorial Ir Indo preséntanos un traballo onde diferentes historiadores analizan o papel da muller na recente historia de Galicia. Jesús de Juana e Julio Prada coordinan unha publicación onde se presenta á muller como suxeito histórico-político desde as primeiras décadas do século XX até os anos setenta-oitenta desta mesma centuria. Amósasenos a evolución da muller na "res publica", a lexislación e a súa aplicación así como a consecución e perda de dereitos político-civís. Analízanse as diferenzas entre políticos progresistas e conservadores á hora de outorgar ás mulleres as mesmas responsabilidades que aos homes. Até aquí, non deixa de ser un estudo máis sobre a realidade da Galicia do século XX. A novidade reside en que os autores acentúan as aseveracións teóricas con exemplos da realidade galega de cada período e cunha liña temática transversal que nos achega a análise de cada momento histórico dun xeito máis comprensible.
A estrutura do libro constrúese a través dun relato cronolóxico e temático sobre a problemática da muller: Reinado de Afonso XIII, ditadura dos anos vinte, II República, represión e guerra civil, ditadura franquista e reinstauración da democracia —onde destaca a análise completa do movemento feminista tanto o adscrito a partidos políticos como o individual— e, de xeito transversal, a educación, a emancipación sexual, os movementos sociais —nomeadamente feminismo—, os avances profesionais e a laicidade. Un enfoque do traballo eminentemente entroncado coa historia política do país e no que, sen embargo, botamos en falta unha maior análise da vida cotiá e da presenza da muller na emigración. Pola contra, son abundantes as referencias á represión franquista e a ditadura, onde se sinala unha especificidade represiva: "a tortura de xénero". A elas tamén as matan e as encadean e, ademais convértense en "trofeos" e "exemplos" de humillación pública para os homes, entendendo que até na represión a condición de muller foi un factor a ter en conta.
A análise efectuada polos autores incide no acceso das mulleres á educación, á política, a cargos públicos ou a poder exercer libremente calquera profesión. Tamén, como progresistas e conservadores se enfrontaron ás demandas que elas realizaban ben a través das fisuras que presentaba a lexislación, ben desde as propias institucións. No enfoque
progresistas versus conservadores, semella que os máximos defensores da liberdade da muller fosen estes, cando, como moi ben se demostra no estudo, tan só mantiñan esa postura por conveniencia, sobre todo, para derrubar o edificio de liberdades que se estaba a construír coa República: "Pero isto non nos debe conducir a unha lectura incorrecta desta realidade: polo xeral, esta vía [a presenza das mulleres con seccións diferenciadas nos partidos políticos] foi elixida polas formacións de corte conservador e de extrema dereita para aproveitar o potencial de mobilización e de captación de sufraxios de mulleres [...] sen que fose acompañada dunha participación efectiva nos seus órganos de decisión. En cambio os partidos de esquerda optaron pola incorporación da muller como militantes en plena igualdade sen constituír seccións diferenciadas"; de feito, a chegada ao poder de radicais e “cedistas” en 1933 supuxo un descenso da mobilización feminina contrarrevolucionaria.
A presenza da muller na realidade galega era cada vez máis evidente. Un dos primeiros automóbiles de Ourense foi o de María de los Ángeles Santamarina y Alducí a principios da década de 1910. Tamén, cada vez tiñan máis cabida en espazos de discusión pública e a medida que ía avanzando o século xa non era estraño ver mulleres opinando sobre política ou demandando o voto. Así, en 1924, en plena ditadura, ás mulleres recoñecíaselles o sufraxio en eleccións municipais e a primeira alcaldesa de Galicia foi a de Portas entre 1925 e 1930. Será no período 1931-1936 cando a muller adquiriu un protagonismo de seu: "Malia todo o apuntado, podemos afirmar que foi a experiencia republicana a que verdadeiramente supuxo para as mulleres a incorporación á loita política e sindical e a súa presenza en mitins e actos de propaganda", aínda que as conquistas fosen máis teóricas que prácticas, "mesmo as mulleres modernas e progresistas, as mulleres de esquerdas, optaron por asumir funcións fundamentalmente auxiliares que non contradicían no esencial as consabidas misións asistenciais que viñan desempeñando tradicionalmente".
Desmontando a imaxe pasiva
Destaca como a muller ía acadando espazos de visibilidade propios, lonxe dos tutelados polos homes. A imaxe que durante anos nos sinalaba a muller como un elemento sen iniciativa é cuestionada neste estudo grazas á análise que se leva a cabo da realidade do momento: tanto pola dereita como pola esquerda —a republicana e a antifranquista—, se nos insistiu que o voto da muller foi cativo en 1933, que elas non decidiron a quen votar senón que llo sinalou o confesor, ou que por natureza a muller era conservadora —isto afirmado por deputados progresistas como Nóvoa Santos— queda totalmente desmentido a tenor dos datos que se nos aportan no estudo. A muller non foi un "ente" maleable e sen iniciativa, máis ben ao contrario, e o que ocultaban estas afirmacións era o fracaso das políticas de esquerda así como a división dos republicanos. En 1936, votando as mesmas mulleres, sae triunfante o Fronte Popular, tal como moi ben sinalou Clara Campoamor no momento e reafirma Julio Prada no artigo que aquí nos presenta.
A experiencia republicana é esencial para comprender a situación da muller non só nos corenta anos de ditadura, senón tamén despois. O retroceso ou máis ben anulación das liberdades que supuxo o golpe de estado de xullo do 36, a guerra civil e a lexislación católico-integrista que se desenvolveu en España durante estes anos, levaron á destrución non só dos avances dos anos trinta, senón tamén anteriores. Acción Católica serviu en bandexa ás novas autoridades os mecanismos de control. En adiante, "a misión da muller, unha vez abandonada a escola, quedaba reducida ás obrigas derivadas do tradicional rol de nai e esposa, educadora nos valores esenciais que inspiraban ao Movemento, e de abnegada servidora do novo Estado". Como sinala Martins Rodríguez, "as mulleres foron obrigadas a adaptarse á nova situación a través de resortes sociopolíticos que tiñan por obxecto convencelas de que iso era o mellor para elas". E isto non cambiará até os últimos anos da ditadura, cando a muller recupere dereitos civís —tan esenciais como poder abrir contas nun banco ou non depender xuridicamente do seu marido— e, sobre todo, coa aprobación da constitución en 1978 onde se consagra a igualdade.
Sen embargo, como seguimos a ver todos os días, na práctica isto non é así. Aínda queda moito camiño por percorrer e estudos como os que aquí presentamos confirman esta postura. A conquista de dereitos despois de loitas e desgustos, poden ser destruídos en moi pouco tempo, incluso poden retroceder. Reiteramos; hai moito camiño andando pero queda moito por facer.