A novela de Xosé Monteagudo premiada co García Barros 2009 ten trazas de crónica familiar e social, ao tempo que propón unha reflexión sobre a relación pais-fillos, a herdanza como carga e como débeda que cómpre asumir para integrarse na sociedade ou a ruptura dos vencellos entre irmáns. As lectoras e lectores quedan prendados, máis alá da intriga de desfalcos, polo proceso de indagación na que o fillo chega a coñecer ao pai despois da súa morte.
22 / 3 / 2010
Lorena Domínguez Mallo. Val do Dubra
Baixo un título que a priori suscita o sorriso cómplice do público, Xosé Monteagudo tece a historia dun desfalco bancario. Cando menos esa é a idea sobre a que se artella todo, e o xurado do Premio García Barros valorou, entre outras cousas, a temática orixinal que aborda o autor. Outros puntos que destacaron no seu fallo foron a prosa de calidade, a autenticidade dos personaxes, a intensidade dunha lectura sen altibaixos e a capacidade de facer crónica familiar e social e promover reflexións de carácter ético. Eses méritos fixeron merecedor ao libro do Premio García Barros na súa edición de 2009.
Comeza a historia coa morte de Manolo Cortizo, o director dunha sucursal bancaria viguesa moi próspera, o home no que confiaban moitos clientes como se fose un membro da súa familia. E coa súa morte destápase o desfalco valorado en miles de millóns de pesetas, e os seus fillos vense implicados no procedemento xudicial como supostos cómplices da estafa. Esa é a liña argumental, e a aridez das cuestións económicas debulladas especialmente no inicio da historia pásalle factura ao interese lector, que se ve un pouco desbordado por unha enumeración de feitos e unha descrición de contas que, se ben se agradecen no plano da verosimilitude, resultan pesados para engancharse desde o principio á obra. Non obstante, pasados os primeiros capítulos, o maior acerto do autor nace dun cambio na focalización do interese da historia. A cuestión económica vai pasando do primeiro a un moi segundo plano durante toda a narración, e ao final, o centro de interese será a investigación que un dos dous fillos do finado fará, non tanto para saber a medida do desfalco ocasionado polo pai, nin cómo o fixo, que tamén, senón máis ben para coñecer a ese home que desde había anos era para el un completo descoñecido.
A estruturación da novela en tres grandes partes (debe, haber e saldo), así como a súa subdivisión en capítulos, todos eles co nome de conceptos económicos, supón un interesante paralelismo entre esas cuestións económicas e os pasos da investigación, o procedemento xudicial e a evolución psicolóxica do protagonista, Darío. Trátase dun paralelismo moi rico en matices, e dun xeito particular de amosar cómo situacións da vida cotiá poden ser descritas en termos económicos sen que iso supoña unha frivolización, senón outra perspectiva para botar luz sobre a complexidade do pensamento e os sentimentos humanos.
Outra gran baza da novela é a forza dos seus personaxes, a verosimilitude da súa descrición. Podería pensarse que o esquema dun pai estafador, e dous fillos, un interesado e sen escrúpulos e o outro boa persoa e honrado, non deixa de ser un xeito de maniqueísmo desfasado. No entanto, a medida que coñecemos os personaxes e todos os pasos que os levaron a onde están percibimos tamén as dúbidas, as reformulacións, o xeito en que se foron construíndo a si mesmos. O personaxe máis rico en matices é o pai, ao fin, el é o centro da historia, el é o personaxe que o seu fillo Darío intenta descubrir, e co seu descubrimento vai o das lectoras e lectores, que acabamos atopando na memoria dun home enganador e afectivamente nulo, a figura dun home que tamén amou, dun home que preferiu sempre, no seu interior, o fillo que nunca cedeu ás súas pretensións.
Como conclusión podería dicirse que a novela está impecablemente deseñada no plano da historia do desfalco a custa dunha certa aridez narrativa na descrición desas cuestións económicas. Non é a única pega, tampouco parece axeitada a explicitación dun destinatario para a narración dos feitos no último momento, que non deixou ningún tipo de pegada no discurso que puidese suxerir ou sequera facer verosímil esa atribución. No plano positivo, en cambio, cómpre valorar o gran retrato de personaxe que supón a investigación de Darío sobre quen era realmente seu pai. Nesa investigación, e non na do desfalco, nesa intriga, e non na dos culpables da estafa, é onde se sustenta a verdadeira achega desta novela. As lectoras e lectores, unha vez que superan os capítulos iniciais, quedan irremediablemente prendados desa indagación entregada por parte do fillo, dese proceso polo que chega, despois da súa morte, a coñecer o pai.