Unha aposta literaria para quen gosta das lecturas dinosáuricas e divertidas. Un relato áxil, sinxelo e lúdico moi recomendable, ateigado de claves literarias que remiten a outros textos e, sobre todo, que divirte e garante sorrisos e mesmo gargalladas nalgunhas pasaxes, se cadra tamén accesible para lectores e lectoras de menor idade dos que recomenda a editorial.
8 / 2 / 2010
Isabel Soto. Santiago
Breogán Riveiro xa sorprendeu coa súa estrea na LIX,
Tonecho de Rebordechao (2004), galardoado co Premio Raíña Lupa, onde ofreceu un anovado achegamento aos relatos baseados na confrontación do espazo rural e do urbano a través da perspectiva infantil e deu probas da súa capacidade para a creación de pasaxes humorísticas. O libro segue a estar vivo entre os lectores pois, segundo a información que se recolle na páxina da editorial Galaxia, vai pola quinta edición. O rexistro cómico está ben presente tamén nas súas obras posteriores:
A historia máis incrible que nunca liches, IV Premio Pura e Dora Vázquez, e mais no texto para monicreques
O afundimento do Tiránic, IV Premio Barriga Verde. En
Olga e o dinosauro, a súa máis recente publicación, volve destacar a habilidade do autor para o humor nun relato no que, malia a súa brevidade, nada sobra nin falta.
“Cando Olga espertou o dinosauro saía do armario”. Con esta frase tan evocadora e directa principia a narración. Un dinosauro pequeno aparece de súpeto no cuarto de Olga; perdeuse no seu camiño a unha festa familiar e debe atopar a porta correcta para regresar ao seu universo. Olga, que está soa na casa, fica sen palabras, pois non dá creto ao que ve, mais axiña supera o medo inicial que tal besta pode provocar, consonte as súas características abondo difundidas en relatos e filmes, e comparte con el conversa, almorzo e busca, o cal dá lugar a divertidos diálogos e a unha aventura cun curioso desenlace. Certamente, sorprende imaxinar, neste ano 2010 de fastos xacobeos, que o Pórtico da Gloria e os croques á estatua do Mestre Mateo sirvan para que un dinosauro cambie de universo ante a total indiferenza dos turistas.
O humor reside fundamentalmente na relación que manteñen os dous personaxes principais, unha relación na que ambos aprenden cousas un do outro e, sobre todo, dialogan e debaten sobre as continuas descontextualizacións, dúbidas e cuestionamentos do dinosauro, expresados sempre a través dunha chuvia imparable de preguntas. Olga descobre que a súa realidade non é a única no amplo conxunto de universos e as observacións de tan sorprendente compañeiro convídana a mirar as cousas desde outros ángulos. Así, pregúntalle por que quita a pel para durmir, ten outras normas de educación nas que non está ben abrir a boca e amosar os dentes nin comer a ninguén sen permiso, posúe a súa propia historia sobre a desaparición da súa especie, pasea pola rúa cun disfrace que consiste unicamente nunha gravata, responde con enxeño a unha enquisa con respostas prefabricadas, desarma coa súa lóxica as fanfurriñadas do abusón Gustavo, pon de relevo o aburrido que resulta pasmar diante da tele... Con el nós tamén desafiamos a Lei da Gravidade e voamos nun sofá, tras retalo a “desaprender”. Olga pasa por sensacións de desconfianza, enfado e mesmo indignación ante a ousadía do animal, pero acaba por rir e deixarse levar. Deste xeito, tírase un gran rendemento da particular maneira de pensar do dinosauro para establecer a separación entre o mundo da infancia e o dos adultos, que “só ven o que queren ver”.
Á par das situacións desenvolvidas e do deseño desta peculiar relación, cóntanse tamén entre os acertos o emprego dunha linguaxe que reforza coa súa expresividade o ton humorístico; o deseño sutil da rutina de Olga, que vive con súa nai e queda soa mentres ela traballa; as ilustracións de Andrés Meixide, outro experto na creación de personaxes e escenas cómicas; ou as agudas observacións do dinosauro diante de prexuízos como os que expresa a veciña contiñeira, que sae escarmentada. O resultado é un relato áxil, sinxelo e lúdico moi recomendable, ateigado de claves literarias que remiten a outros textos e, sobre todo, que divirte e garante sorrisos e mesmo gargalladas nalgunhas pasaxes, se cadra tamén accesible para lectores e lectoras de menor idade dos que recomenda a editorial.