O libro, síntese da tese de doutoramento de Fátima Braña, aborda unha crítica do Museo do Pobo Galego dende dentro da propia institución. A autora fornece valiosos elementos de análise e avaliación, resultado do escrutinio de aspectos relevantes como a orixe e precedentes do Museo, a súa estrutura e a organización interna dos departamentos e servizos, así como a base social constituída polos socios e usuarios.
30 / 3 / 2009
Xurxo M. Ayán. Santiago
Non adoita acoller o mercado editorial galego traballos de investigación autóctonos en Antropoloxía Social, polo que a publicación da Tese de Doutoramento de Fátima Braña constitúe unha boa nova neste sentido, tendo en conta ademáis o notable labor de edición da obra. Malia diso, cremos que non vai ser doado que atope un oco no público xeral polo seu enfoque especializado e por non ter sido adaptada a unha versión que supere a rexa estrutura dun texto académico como é unha tese. Doutra volta, a propia natureza do obxecto de estudo (xénese, evolución e organización interna do Museo do Pobo Galego) fai árida a lectura en grandes tramos do texto.
Unha crítica internalista
O libro aborda unha crítica do Museo do Pobo Galego (MPG) dende dentro da propia institución, unha postura valente e ambivalente, xa que, por unha banda, fornece información e testemuños de primeira man, mentres que pola outra deixa sen desenvolver análises críticas minimamente esbozadas, xa sexa por lealdade institucional ou por límites do propio enfoque asumido. Esta carencia repítese ao longo dos catro grandes bloques temáticos nos que se organiza o texto. O capítulo 2 (antecedentes do MPG) resulta prescindible xa que non é unha fundamentada crítica historiográfica senón unha corroboración dun feito evidente: o carácter do MPG como descendente directo das angueiras do Seminario de Estudos Galegos e do galeguismo histórico. O capítulo 3 sobre as orixes da institución si que fornece datos moi interesantes sobre a xestación do Museo no contexto do tardofranquismo e da transición democrática, coma o papel sobranceiro xogado polo Colexio de Arquitectos de Galicia ou a entrada masiva dos bancos e institucións como socios patronos nunha época na que había que reconvertirse ao galeguismo (aínda que fose só o cultural).
Un estudo de viabilidade
O capítulo 4 sobre a organización interna do Museo está inzado de declaracións anónimas recolleitas pola autora de boca de membros, socios e colaboradores do Museo, conformando un conxunto de opinións e discursos que amosan ben ás claras a extrema complexidade da institución así coma o seu devalar histórico. Unha vez máis atopámonos diante do espírito contradictorio da obra: trátase da parte máis árida pero tamén da máis valente. A autora adopta un enfoque antropolóxico para estudar o MPG coma unha comunidade, coas súas relacións de poder, o seu capital simbólico acumulado, a súa capacidade para funcionar como referente identitario, a súa discriminación de xénero, a ritualización asemblear... Sen embargo, as escuetas referencias a autores como Bourdieu, Leach ou Berger quedan en pequenos apuntes e non dan lugar a unha verdadeira e necesaria análise sociolóxica do Museo. O último capítulo constitúe todo un diagnóstico e estudo de viabilidade do MPG de hoxendía, denunciando a necesidade da súa adaptación aos novos tempos, tal como están inzados de ecomuseos e Cidades da Cultura. Sería posible hoxe crear unha entidade como o Museo do Pobo Galego, na Galicia do século XXI? A obra non resposta a esta pregunta.
Como na coñecida comedia de
Unha noite no Museo, Fátima Braña, boa antropóloga, fai saír todas as pantasmas esquencidas, todas as momias agochadas, todos os tabús impronunciables na longa traxectoria do MPG nunha investigación loable, cun importante traballo de sistematización de datos, mais deixando a sensación de ser o punto de arrinque dun amplo traballo interpretativo e crítico que resta aínda por facer.