Puntuación: 2.3/5 (109 votos)
Editado pola Fundación Antonio Fraguas Fraguas e o Museo do Pobo Galego, o volume recolle unha síntese da tese de doutoramento de Fátima Braña, lida na Universidade de Santiago de Compostela en novembro de 2006. Fátima Braña incorporouse como socia ao Museo do Pobo Galego en 1996 e desde 1999 é representante dos socios no Padroado e mais na Xunta Reitora.
O libro sae do prelo en momentos cruciais para o centro. Van aló trinta e dous anos dende que se franquearon as súas portas e, xa que logo, é chegado o momento para defrontar as necesarias adaptacións tanto na súa estrutura organizativa e funcional, como nos planos museográfico e de servizos, onde ten que acadar un maior desenvolvemento a investigación, que permitan resituar a institución no complexo escenario do século XXI. Un escenario no que a “sociedade do coñecemento” está a xerar importantes cambios, mesmo nos conceptos de patrimonio, museos, xestión cultural e, por medio das novas tecnoloxías da información, nas concepcións tradicionais sobre a comunicación, a educación ou a formación, cambios aos que os centros museísticos non poden ser alleos. A autora fornece valiosos elementos de análise e avaliación, resultado do escrutinio de aspectos relevantes como a orixe e precedentes do Museo, a súa estrutura e a organización interna dos departamentos e servizos, a base social constituída polos socios e usuarios, incorporando os resultados de amplas enquisas e minuciosos estudos de público.
[Presentación editorial]