En marzo de 1937 un grupo de homes defensores da legalidade republicana idean un plan para fuxir da Galicia franquista antes de seren apresados e, posiblemente, asasinados. Este é un dos acontecementos máis destacados dese período e ao mesmo tempo un dos máis descoñecidos. A obra achega unha visión de conxunto e moi clara dos feitos, xa que son analizados no seu contexto, tanto a nivel local como ao mesmo tempo no devir histórico de Galicia.
16 / 3 / 2009
Gustavo Hervella. Santiago
O estudo aquí presentado é unha reflexión sobre un dos acontecementos máis destacados da guerra civil en Galicia e, ao tempo e como soe acontecer con aqueles anos, dos máis descoñecidos. En marzo de 1937 un grupo de homes defensores da legalidade republicana idean un plan para fuxir da Galicia franquista antes de seren apresados e, posiblemente, asasinados. Deciden fuxir polo mar, tal e como o fixeran outros desde o mesmo intre do golpe de estado en xullo do ano anterior. Entre eles están Juan García Durán, Mario Fernández Granell, Francisco Caridad Mateo ou Severino Chacón dun total de 30 homes. A fazaña fracasou no último momento, o que acrecenta a épica do suceso.
O estudo, realizado por Emilio Grandío, Dionisio Pereira, Carlos Velasco e Eliseo Fernández, analiza o momento previo da fuxida, o propio acontecemento e as consecuencias do fracaso, tanto para o conxunto da oposición franquista como para os propios implicados (varios afogados, outros sentenciados a morte e fusilados, outros paseados, e, os menos, encadeados até a década dos corenta).
Nun exercicio notable de síntese, vanse intercambiando os ensaios: análise da Coruña republicana, a represión acontecida na cidade tras xullo de 1936, as fuxidas por mar desde o momento do golpe de estado até a última constatada en 1946 e xa os propios acontecementos do Portiño. Deste xeito conséguese ter unha visión de conxunto e moi clara dos feitos, xa que son analizados no seu contexto, tanto a nivel local como ao mesmo tempo no devir histórico de Galicia. Así, o Portiño non foi máis que outra fuxida por mar, preparada polos anarquistas e socialistas aos que se uniron outros, e apoiada por unha poboación que para nada era o sumisa e pro-franquista que durante anos se nos quixo facer crer aos galegos.
Emilio Grandío comeza situando ao lector na Coruña de 1936, desfacendo mitos tan cacarexados polos revisionistas, onde República era sinónimo de caos: "Na primeira metade do ano 1936 a guerra civil non existía. Nin o franquismo. Nin unha ditadura militar de case corenta anos. O que había era unha democracia republicana con problemas, como moitas outras do seu contexto [...] e a práctica do goberno non ía precisamente por garantir a desorde pública senón o contrario: conducíase na liña dun maior control institucional, dunha cada vez maior capacidade de xestionar as garantías dun estado de dereito". Todo isto muda tras xullo de 1936 xa que "a aplicación da violencia por motivos políticos atópase desde o principio mesmo do réxime franquista até o final". Esta era a realidade dos anos trinta, unha cidade en continuo crecemento, coa confrontación social propia daquel tempo e cunha evolución social marcada polos populosos barrios periféricos -como ben reflicte Dionisio Pereira nunha das súas colaboracións-. A destrución da cidadanía, entendida esta como o exercicio das liberdades individuais por parte da poboación é un feito constatable desde o primeiro intre da sublevación, fomentando a delación e a desconfianza para acadar un fin último: a desestruturación da sociedade civil; como sostén Carlos Velasco: "... se trataba de inflixir un contundente e definitivo escarmento ás arelas dunha vida mellor, disuadindo os humildes de toda práctica asociativa e comunitaria".
De todos os grupos sociolaborais da Galicia de 1936, un dos que máis sufriu a represión foi o de mariñeiros, sendo un 11% dos represaliados totais. Deste xeito, como ben amosa Pereira, non é de estrañar que as fugas ideadas desde diferentes puntos da costa galega foran en aumento desde o mesmo intre do golpe, e se constataran incluso ben entrada a década de 1940: "As fugas producíronse en máis do 40% dos portos galegos, tanto das Rías Altas como das Baixas, o cal reflicte unha extensión verdadeiramente notábel que non pode ser desvencellada do antigo tecido asociativo desmantelado polos fascistas".
A Coruña en 1936 era o buque insignia da República en Galicia. O xefe de goberno, Santiago Casares Quiroga asentaba o seu poder na clase media liberal que, xunto ao movemento obreiro encarnado polos anarquistas, constituían o alicerce da modernidade e do progreso. O golpe de estado racha con isto, rompe o estado de dereito e a represión desencadeada conleva o caos e a destrución de toda ansia de crecemento individual; a violencia consentida polas novas autoridades sobre unha boa parte da poboación produce unhas lapas das que hoxe en día, setenta e tres anos despois, aínda son apreciables os rescoldos: rúas, monumentos ou festividades, son elementos que responden a unha clara intencionalidade política ideada polos golpistas do verán do 36. Que na homenaxe do Portiño no verán pasado non participasen os conservadores coruñeses é un bo exemplo de que aínda hai moito polo que traballar.