Arquivo

36.156 noticias desde o ano 2000

The Rapants afianzan o seu crecemento e identidade co seu cuarto disco

Con 'The Rapants Club' afirman chegar ao son máis fiel ao seu carácter

“Jrasias por confiar”. Así arranca o cuarto LP de The Rapants, titulado Rapants Club, un álbum no que os muradáns queren agradecer ao seu público a súa compañía nestes anos. O grupo dá un paso adiante, saca músculo e afirma que este Rapants Club -xa dispoñible nas plataformas dixitais- supón o álbum máis fiel ao carácter e gustos do cuarteto. 

Dezasete artistas expoñen na mostra 'Cando falo de corpo' en Pontevedra

A exposición pode verse na Sala Manuel Moldes de Pontevedra ata o 24 de abril

A noción de corporalidade e a idea de diáspora son os dous fíos condutores da exposición que deste este xoves reúne na Sala Universitaria Profesor Manuel Moldes de Pontevedra as creacións de 17 artistas, a meirande parte formados na Facultade de Belas Artes. Coa tamén egresada Cora Novoa como comisaria, a mostra 'Cando falo de corpo' conecta, sinala, un conxunto de "prácticas diversas que chegan a través de imaxes, obxectos, textos, rexistros, pantallas, xestos e procesos" e que comparten "unha atención común ao corpo como lugar de experiencia, arquivo vivo e medio de relación" explica Novoa en declaracións ao DuVi. A exposición poderá visitarse ata o 24 de abril.

As revelacións da restauración

Os materiais restaurados do castro da Cividade achegan información sobre a cultura e a evolución do xacemento

O castro da Cividade (Cerdedo-Cotobade) está a ofrecer unha rica e destacada cultura material da que hai novidades. A restauración dos obxectos metálicos recuperados na última campaña ofreceron unha interesante visión da cultura material da Idade do Ferro e algunhas pistas sobre as etapas menos coñecidas do xacemento. 

Paula Quintas presenta o espectáculo ROYAL

Coa colaboración do clown Arturo Cobas mestura danza e circo

A bailarina, coreógrafa e artista circense Paula Quintas (Ourense, 1983) presenta este sábado 7 de marzo ás 18h na Casa das Máquinas de Santiago de Compostela o seu último espectáculo ROYAL. Esta montaxe está co-creada co artista circense Arturo Cobas que tamén participa na interpretación. A peza combina circo e danza con ritmo, humor, emoción e acrobacias. Trátase dunha mestura do clown poético de Arturo Cobas cos equilibrios en movemento de Paula Quintas, dando como resultado elegancia, enredos e complicidades, nun espectáculo que fará rir e emocionará a toda a familia, ofrecendo unha experiencia artística tan divertida como evocadora. Asiste na direción Natalia Outeiro, "Pajarito", recentemente galardoada co Premio Maruxa Villanueva de interpretación por A Serie Clopen. A entrada é de balde ata completar aforo.

A RAG reivindica á María Xosé Queizán "sen límites"

Celebra en Vigo o Día da Poesía o 17 de marzo cunha gran homenaxe á escritora

A Real Academia Galega celebrará en Vigo unha gran homenaxe a María Xosé Queizán polo Día da Poesía. Será o 17 de marzo ás 18.30 h. no Museo de Arte Contemporánea de Vigo, baixo o título "María Xosé Queizán. A escrita sen límites". O acto contará cunha loanza  da autora por Margarita Ledo, quen afirma que a obra de Queizán "trae a experiencia das mulleres para o centro da trama". No acto participarán os poetas Rexina Vega, Marga do Val, Manuel Forcadela, Fina Casalderrey, Andrea Nunes, Elvira Ribeiro, Pepe Cáccamo, Ana Romaní, María Reimóndez, Camiño Noia, Míriam Ferradáns e Xavier Baixeiras, nun recital que ten a súa correspondencia no volume María Xosé Queizán. A escrita sen límites, que será agasallado aos asistentes. A edición, ao coidado de Ana Romaní, incorpora eses poemas de diferentes autoras acompañados de pequenos textos que "deixan constancia da admiración e do recoñecemento que suscita unha pioneira". 

Arte sen parte

A fenda entre a presenza de artistas masculinos e femininas na programación dos centros de arte da comunidade aínda é grande, con meritorias excepcións

Galicia está lonxe da paridade en canto á representación feminina nas exposicións de museos e centros de arte, que é do 36,4% fronte ao 63,6% de representación masculina. Así aparece reflexado no informe 'Las artistas aquí y ahora' da asociación estatal Mujeres en las Artes Visuales, un documento que leva a cabo unha análise en claves territoriais e de xénero da participación de mulleres en centros de arte e museos. Por Galicia contou coa participación de María Xosé Fernández Iglesias como parte do equipo de investigación. Vintetres espazos nas catro provincias foron obxecto desta análise que mediu as porcentaxes de paridade en 450 exposicións, 131 colectivas e 319 individuais. 

A Deputación da Coruña presenta o Manual para políticas culturais locais

A publicación, dispoñible en liña, achega 6 fases e 25 accións para favorecer o traballo dos concellos neste ámbito

A Área de Cultura de Deputación da Coruña presentaba este 4 de marzo o Manual para políticas culturais locais. 6 fases e 25 accións para fortalecer a cultura. Esta publicación, que se enmarca no programa A cultura é un dereito, defínese como "unha guía práctica dirixida a persoal técnico, responsábeis públicos e axentes culturais" e está dispoñible en rede.

Carlos Ares encabeza as candidaturas finalistas dos Premios MIN

Baiuca, María Toro e Grande Amore mantéñense con opcións a algúns dos galardóns

Os Premios MIN da música independente española convocados pola Ufi (Unión de fonográficas independentes) veñen de pasar unha nova fase e desvelar os candidatos finais das súas categorías. Se ben na anterior lista, de semifinalistas elixidos por un xurado profesional amplo, podíamos falar dunha destacada presenza de artistas galegos en varias categorías, a nova lista curta decidida por un xurado tamén máis pequeno deixou sen opcións a gran parte da escena galega. Non é o caso do coruñés Carlos Ares, cuxa presenza mantense como unha das propostas con maiores opcións desta edición dos galardóns xunto á canaria Valeria Castro. Seis son as candidaturas que o músico mantén de cara ao proceso final grazas ao seu celebrado disco 'La boca del lobo'. 

Un total de 17 espectáculos compiten polos XXX Premios María Casares

Reconversión, de Ibuprofeno Teatro encabeza a listaxe de finalistas con 11 candidaturas

A trixésima edición dos Premios María Casares escollerá os seus gañadores entre 17 espectáculos. A Asociación de Actores e Actrices de Galicia (AAAG) daba a coñecer este 4 de marzo a listaxe de espectáculos finalistas desta xeira. Ibuprofeno Teatro, coa montaxe Reconversión, encabeza as candidaturas, con opcións en 11 das 16 categorías na gala que se celebrará o vindeiro 8 de abril no Teatro Rosalía de Castro.

MJ Pérez presenta Je tiens bon

O novo disco da cantautora arzuá é un canto esperanzado á resistencia

Tras cinco anos sen publicar disco, a cantautora arzuá MJ Pérez ven de presentar o seu quinto traballo discográfico 'Je tiens bon', un traballo de trece temas no que conta coas colaboracións das voces de Adhara Caamaño, Nastasia Zürcher, Noelia Perpetuo, Sofía Espiñeira e CRUA. O novo proxecto nace dun proceso fondo de transformación persoal e creativa tras unha etapa que a reconectou co sentido de facer cancións e resistir desde a calma. En 'Je tiens bon' MJ Pérez combina canción de autora, pop, rock, música de raíz, ritmos latinos e brasileiros. A diversidade de estilos non rompe a unidade do álbum porque hai unha esencia que permanece intacta: a voz, o xeito de escribir, os trazos harmónicos e unha identidade recoñecible. 

Quiosco: Trasalba número 2

A Fundación Otero Pedrayo publica o segundo número da súa revista oficial

A revista Trasalba, a publicación oficial da Fundación Ramón Otero Pedrayo, publicou o segundo número da súa revista,  dedicado desta volta ao quincuaxésimo aniversario do pasamento de Josefina Bustamante, a parella de Ramón Otero Pedrayo e presenza inseparable do autor ao longo da súa dilatada vida. Deste xeito, recupéranse materiais fotográficos da man de Xosé Antonio López Silva, textos como a homilía das festas das vodas da ouro do matrimonio ou un artigo de Maribel Outeiriño sobre a parella. Entre os artigos académicos deste número, Patricia Arias Chachero percorre a abraiante vida de Manuel Pedrayo Valencia, tío avó de Otero Pedrayo, catedrático de Xeografía e Historia que quedou incapacitado por problemas mentais, ingresado no sanatorio de Conxo, onde impartía conferencias eruditas pensando que estaba cos seus alumnos. Borja Blanco Babarro e Andrea Estévez achéganse ás dedicatorias dos libros remitidos a Ramón Otero Pedrayo e Andrea Mosteiro estuda a relación epistolar de Anisia Miranda e o autor. 

A MICE inicia a súa terceira década con cambios na dirección

Dous integrantes do colectivo Memoria e Cinema collen as rendas da dirección

A XXIª Mostra Internacional de Cinema Etnográfico (MICE) do Museo do Pobo Galego celebrarase en Santiago de Compostela do 10 ao 15 de marzo. Tras dúas décadas de traxectoria, a MICE reafirma a súa identidade como un espazo singular centrado no cinema etnográfico e na antropoloxía visual, ao tempo que consolida unha orientación que a sitúa como territorio de creación e experimentación ligado ao rexistro antropolóxico. O festival pretende avanzar para reforzar o seu papel como espazo de creación e experimentación ligado ao rexistro antropolóxico. Esta liña tradúcese nunha programación que combina exhibición, pensamento e procesos creativos. Esta edición, presentada hoxe, supón unha nova etapa con cambio na dirección da mostra, que pasa a Coral Piñeiro e Fran Rodríguez, integrantes do colectivo Memoria e Cinema e novos co-directores da MICE, en troqus de Ana estévez, que levaba vinte anos ao cargo da dirección e que o levou á súa consolidación e prestixio.

A arousá Emma Ríos recibe un dos Japan International Manga Awards

Obtivo unha medalla de bronce no certame pola súa obra Anzuelo

Anzuelo, a novela gráfica que a artista arousán Emma Ríos creou nos últimos cinco anos, foi recoñecida cunha medalla de bronce nos XIX Japan International Manga Awards. A autora recolle o galardón este 4 de marzo en Tokio canda a outras catorce persoas que fan parte do palmarés destes galardóns. 

Falece o xornalista Fernando Ónega

Orixinario de Pol, viu recoñecido o seu traballo con diferentes galardóns no noso país

Este 3 de marzo falecía en Madrid, onde residía, o histórico xornalista Fernando Ónega. Nado en 1947 en Pol, Lugo, Ónega comezou a súa carreira profesional en El Pogreso antes de se trasladar a Madrid onde conseguiu recoñecemento como un dos principais cronistas da Transición española. Malia a desenvolver a súa carreira na prensa estatal, mantivo colaboracións con medios do noso país como El Progreso, a Radio Galega ou La Voz de Galicia

Quimeras urbanas

O centro cultural José Ángel Valente de Ourense acolle unha panorámica recente de Xosé Monjardín

"É apenas no húmido humus do noso humor e da nosa humildade onde a humanidade pode labrar a sempre delicada tarefa da esperanza", explica o texto de partida da exposición "Arsenal de la Quimera", co que o artista ourensán José Lino Monjardín presenta 52 lenzos de produción recente no centro cultural José Ángel Valente ata o 9 de marzo. As obras están rexidas todas pola mesma condición: as capas urbanas que se superpoñen sobre o litoral. Os cadros de Monjardín amosan paisaxes con orografías complexas, nas que o mar conflúe coa topografía, pero nelas o urbanismo e a arquitectura outogan o sentido. Monumentos, residencias, estatuas, pontes e portos, pero tamén templos quen sabe se megalitos, faros no horizonte, antigos castelos. Non é difícil buscar na propia experiencia vital do artista, ourensán pero residente na Coruña durante décadas, este encontors entre a terra e o mar. Basta a penas unha viliña pesqueira, se cadra imaxinada desde Malpica e Muxía, para que unha paisaxe natural se convirta nunha escala do humano.

Unha publicación rememora os 170 anos do Banquete de Conxo

A Fundación Galiza Sempre e a Agrupación Cultural O Galo presentan o caderno, que se pode consultar en liña

O Centro Cultural Aurelio Aguirre de Conxo, en Santiago de Compostela, acollía este 2 de marzo a presentación de 170 anos do Banquete de Conxo. A Fundación Galiza Sempre e a Agrupación Cultural O Galo editan este caderno que asina Xoán Costa e que "ofrece un rigoroso percorrido polo contexto histórico e a significación política deste importante episodio da nosa historia".

Rebeliom do Inframundo sacan peito con 'Orgulho'

O quinto álbum da decana formación de hip-hop reforza o seu vínculo coa tradición

No ano 2020 a comunidade de Hip-Hop galega, a través dun foro propio elixía a canción 'Rugir da Jungla' de Rebeliom do Inframundo como a mellor canción de Hip Hop na nosa lingua de 2019. Desde aquela a formación presentou outro álbum 'Amor ou barbarie' (Galunk Producións, 2023). Agora a banda ven de presentar, tras varios adiantos, o que é o seu quinto álbum, Orgulho (Galunk Producións, 2026), unha obra que condensa máis dunha década de traballo, constancia e compromiso e na que saca peito por moitos motivos que van do íntimo ao colectivo.

A nova edición do ciclo Olladas de Muller atende ao cinema desde a emigración

Celébrase no Quiosco Alfonso da Coruña entre o 11 de marzo e o 5 de maio

A nova edición do ciclo de cine "Olladas de muller" presta atención ao cinema das diásporas. "Propón unha viaxe polo cinema feito por mulleres que narran a emigración desde a súa propia experiencia ou desde a memoria doutras que marcharon. Durante moito tempo, a imaxe da muller emigrante estivo marcada por estereotipos: sacrificio, espera, subalternidade. Estas películas cambian esa mirada: aquí a muller é autora, é ollada e voz, e transforma o xeito de contar historias", explican as comisarias da edición, Beli Martínez e Keina Espiñeira. O ciclo está promovido polo Consello da Cultura Galega e o Centro Galego das Artes da Imaxe, e este ano organízase no contexto da exposición "Emigrantas", que o CCG inaugurará o 11 de marzo no Quiosco Alfonso da Coruña. Precisamente alí se celebrarán as sesións, entre o 10 de marzo e o 13 de marzo. 

As primeiras axudas bianuais a salas de artes escénicas manteñen beneficiarias

Sala Ártika, Teatro Ensalle, Teatro del Andamio e Sala Gurugú reparten os 430.000 euros da convocatoria

O Diario Oficial de Galicia deste 2 de marzo publicaba a resolución das subvencións a salas de artes escénicas de titularidade privada. A convocatoria, que por vez primeira tivo carácter bianual, distribúe 430.000 euros entre os catro espazos beneficiarios, que se repiten de anteriores resolucións.

O XI Festival Singular leva 12 monólogos teatrais a Narón

O encontro desenvólvese entre o 6 ao 29 de marzo con dúas estreas galegas e dúas estatais no programa

Un total de doce espectáculos e oito actividades paralelas compoñen o programa do XI Festival Singular. O encontro dedicado ao monólogo teatral desenvólvese en Narón entre os días 6 e 29 de marzo a achegar dúas estreas galegas e dúas estatais e coa participación de sete compañías do país e dúas internacionais.