Baixo a lousa, outro tempo

Os novos achados romanos de Tui amosan o bo estado de conservación da poboación romana nalgunhas partes do casco histórico

| Santiago. Redacción | Seccións: PatrimonioHistoria
Compartir:
Pozo localizado nas intervencións da praza do Pracer de Tui. Foto: Anta de Moura

Pozo localizado nas intervencións da praza do Pracer de Tui. Foto: Anta de Moura

A praza do Pracer de Tui segue a dar sorpresas, amosando a boa conservación dalgunhas áreas da poboación romana baixo o casco vello de Tui.  A aparición dun pozo e unhas escaleiras na praza do Pracer engádense ás estruturas aparecidas previamente no mesmo lugar. 

O arqueólogo Juan José Perles foi o encargado de levar os traballos de control arqueolóxico en dúas das tres prazas que o concello de Tui quere humanizar e revexetar. Na praza de Frómista atoparon niveis moi alterados que sobre todo amosaron os restos das antigas soleiras de terra das antigas edificacións que “probablemente se botaron abaixo cando se edificou o teatro principal”,  explica Perles, pero na praza do Pracer a situación foi ben distinta, “atopamos restos romanos en todas as sondaxes”. Os arqueólogos abriran áreas de 2x2 metros nas zonas nas que o concello pensaba plantar árbores. 

 

Escaleiras atopadas na sondaxe

 

“Os restos romanos apareceron xusto por debaixo do lousado actual sen nada máis. Isto é curioso porque normalmente atópase a propia evolución histórica da cidade, con restos do XIX, do XVII ou XVI, pero aquí non foi o caso”, comenta. Unha característica de moitas áreas do casco vello de Tui é que o substrato natural xeolóxico atópase próximo á superficie en moitas zonas e iso varreu moitas das capas históricas. Ao atoparse restos arqueolóxicos nas tres sondaxes abertas, o concello tentou explorar se as árbores poderían ser situadas noutros puntos da praza, así que se abriron novas sondaxes nas que volveron aparecer restos romanos. 

 

“Nunha sondaxe atopamos un pozo que non sabemos se é de auga ou de preservación de alimentos”, explica Juanjo Perles, “e noutro unha escaleiras que están rodeadas de muros de contención polos lados e que parecen corresponder a un espazo exterior”, explica. As escaleiras parecen estar relacionadas cun espazo público. Ao examinar as estruturas e muros localizados, os arqueólogos decatáronse de que eses muros pertencen a momentos distintos, aínda que non puideron precisar a funcionalidade dos espazos debido á limitación das sondaxes. O pozo é o elemento máis vistoso dos achados.  

 

O que si parece claro é que os materiais revelan unha ocupación moi dilatada. “Temos achados desde o século I ata o IV”, explica o arqueólogo. Hai moita tégula, cerámica e algúns outros obxectos da vida cotiá, como uns pondi, é dicir, pesas de tear ou fragmentos dunha lucerna. Pero o tipo de obxectos tamén dan conta dos cambios na cidade. “Nos niveis máis antigos, de época altoimperial, parece que hai unha maior presenza de materiais anfóricos que poden apuntar a relacións comerciais”, explica Perles. Sería o Tui que nacería como un espazo estratéxico entre o mar e a antiga vía de comunicación formada pola Depresión Meridiana, arteria natural de comunicación da Galicia occidental. “Posteriormente estes materiais redúcense, conforme Tui se vai convertendo nunha cidade romana máis asentada no seu territorio”, explica. 

Que che parece esta nova?
191 lecturas 1 reaccións

Cando valoras a nova, culturagalega.gal aprende para ofrecerche a ti e outros usuarios con gustos afíns máis contidos de interese.

Axuda a difundir a cultura galega

Do mesmo ámbito

O Colectivo Nemo organiza o seu XXI Ciclo de Fantasía e Ciencia-Ficción, adicado a Star Trek. O ciclo enmárcase dentro da tertulia viguesa do xénero fantástico.
Os xoves a partir das 21:30 h no Café UF (Rúa do Pracer 19, Vigo) Star Trek V: La última frontera (William Shatner, 1989)

Para trekkies

Universos

Claves