A Real Academia Galega de Belas Artes, na Coruña, acolle este 14 de abril ás 19:30 horas a presentación de Tras a mirada de José Suárez. Olaia Sendón asina este álbum ilustrado dedicado ao fotógrafo que protagoniza o Día das Artes Galegas deste 2026. A editorial Galaxia publica esta obra na que a autora reinterpreta imaxes do homenaxeado a propor novas lecturas das mesmas e a reflexionar obre o propio feito fotográfico.
Deste xeito, e segundo sinala a presentación da obra, o eixe desta proposta é a idea de que "ver non é o mesmo que mirar. A través dun diálogo entre imaxe e pensamento, Tras a mirada de José Suárez convida a deterse, observar e descubrir o que permanece máis alá da primeira impresión".
O acto de presentación contará coa instalación de tres fotoramas, dioramas inspirados en fotografías emblemáticas do homenaxeado, que permitirán ao público interactuar coa súa obra. Segundo indica a Academia, "as persoas asistentes poderán introducirse nas escenas e converterse, por un intre, en protagonistas das imaxes, vivindo en primeira persoa a experiencia de 'habitar' unha fotografía". Ademais da propia Sendón, o acto contará con intervencións do fotógrafo Xurxo Lobato e do director de Edicións da Editorial Galaxia Marcos Calveiro.


