O Día das Artes dedicado a José Suárez impregnará o ano co seu legado

O 1 de abril en Allariz terá lugar o acto central da Real Academia de Belas Artes

| Santiago. Redacción | Seccións: Arte
Compartir:
Cartaz do Día das Artes 2026

Cartaz do Día das Artes 2026

A Real Academia Galega de Belas Artes (RAGBA) presentou os actos do Día das Artes Galegas 2026, que este ano homenaxea a figura do fotógrafo e cineasta José Suárez (Allariz, 1902 – A Garda, 1974). O mércores, 1 de abril, celebrarase o acto central do Día das Artes Galegas na Casa da Cultura do Concello de Allariz, nun evento aberto ao público que comezará ás 19:00 horas. O presidente da RAGBA, Manuel Quintana Martelo, inaugurará o acto institucional cun discurso de benvida e Xurxo Lobato será o académico responsable de pronunciar a laudatio na que enxalzará con precisión e emotividade a traxectoria de Suárez. O evento contará coa asistencia de representantes da Xunta de Galicia, Concello de Allariz, e doutros organismos e entidades culturais. Este Día das Artes Galegas 2026 será a primeira vez que se homenaxee a un persoeiro da provincia de Ourense e, tamén, será a primeira ocasión que se recoñeza a traxectoria dunha figura relacionada coas artes da imaxe.

Ao longo do Ano José Suárez organizaranse desde a RAGBA, en colaboración con diversas entidades, máis de 30 actividades. Previamente ao acto do 1 de abril, a primeira acción será o vindeiro 24 de marzo na sede da RAGBA na Coruña, cunha conferencia no marco do ciclo "Os Martes das Artes", onde o historiador Manuel Sendón analizará a traxectoria de José Suárez. O mesmo 1 de abril o Concello de Allariz inaugurará una exposición de lonas murais polas rúas da vila coa obra de Suárez; e a Federación de Asociacións Culturais Galegas, "Galiza Cultura", divulgará a obra de Suárez en Nós Diario. Tamén haberá unha exposición no Centro Cultural Marcos Valcárcel, organizada en colaboración coa Deputación de Ourense, que se inaugurará a mediados de abril. A mostra estará comisariada polo académico e historiador da arte Carlos L. Bernárdez, e terá como asesores a Xosé Luis Suárez Canal –sobriño de José Suárez– e Manuel Sendón. Tamén a Xunta de Galicia reeditará o libro sobre José Suárez que xurdiu a raíz da exposición de 2015 na Cidade da Cultura "José Suárez: Uns ollos vivos que pensan". En colaboración coa Consellería de Educación distribuiranse 3.000 carteis fotobiográficos de José Suárez nos centros de ensino.

 

 

A Academia, o Colexio de Xornalistas de Galicia e a Facultade de Ciencias da Comunicación da Universidade de Santiago (USC) celebrarán o 13 de abril un acto no centro universitario para divulgar a figura de Suárez no que participarán Xosé Luis Suárez Canal, profesor asociado de Fotografía na facultade; Xurxo Lobato; e un representante do colexio profesional. O 14 de abril, a sede da RAGBA acollerá a presentación do libro "Tras da mirada de José Suárez" de Olaia Sendón, editado por Galaxia. Tamén coa participación da Academia, o 27 de abril celebrarse un acto no Ateneo de Santiago, e o 28 de abril unha xornada no Consello da Cultura Galega. Xa no mes de maio proseguirán as actividades coa inauguración o 4 de maio da exposición "José Suárez, vida e obra" na Deputación de Lugo, composta por 16 paneis autoportantes que logo se amosaran en outras localidades da provincia. O 7 de maio terá lugar unha tertulia con achegados a Suárez no Centro Marcos Valcárcel de Ourense.

 

Retrato de Jose Suarez co seu can Mambrino en Punta del Este (Uruguai), anos 50
Retrato de Jose Suarez co seu can Mambrino en Punta del Este (Uruguai), anos 50

Para o segundo semestre do ano, as actividades comezarán a finais de setembro coa xornada "José Suárez e a arte do seu tempo" no Centro Galego de Arte Contemporánea (CGAC). O Campus de Ourense da Universidade de Vigo (UVigo) acollerá unha nova exposición coa colaboración da RAGBA. Tamén o Concello de Allariz inaugurará o Museo José Suárez. A Academia presentará un documental sobre José Suárez, dirixido por Xurxo Lobato. Ademais, nestes últimos meses organizarase un ciclo de cinema na Filmoteca de Galicia, coordinado polo académico, historiador de cine e catedrático de Comunicación Audiovisual na USC, José Luis Castro de Paz, e posiblemente tamén na Filmoteca de Madrid, para proxectar diferentes películas de Suárez. A Academia tamén colaborará nunha acción co Centro Nacional de Fotografía.

 

 

Ademais, a Academia de Belas Artes colaborará co Museo do Pobo Galego e o Museo de Pontevedra, e as Fundacións Carlos Casares, Blanco Amor e Vicente Risco na organización de máis accións divulgativas sobre o legado de Suárez. Esta previsto un acto en Madrid co Centro Nacional de Fotografía do Ministerio de Cultura. Xa sen a participación da RAGBA, celebraranse multitude de actividades por toda Galicia, como unha exposición da serie “Mariñeiros” no Concello de Bueu durante o verán, comisariada por Xosé Luis Suárez Canal e Manuel Sendón, así como outras accións organizadas pola Universidade da Coruña.

Que che parece esta nova?
156 lecturas 0 reaccións

Cando valoras a nova, culturagalega.gal aprende para ofrecerche a ti e outros usuarios con gustos afíns máis contidos de interese.

Axuda a difundir a cultura galega

Do mesmo ámbito