O Día das Artes Galegas 2023 estará dedicado a Martín Códax

Será a primeira vez que a celebración se enfoque na vertente musical das artes

Será a primeira vez que a celebración se enfoque na vertente musical das artes
Rosa Pereira encargouse de traducir as cantigas a galego moderno no libro 'As cantigas de Martín Codax en 55 idiomas' ( Univ. de Vigo, 2018)
A Real Academia Galega de Belas Artes (RAGBA) decidiu este pasado sábado, 18 de xuño, na súa sesión ordinaria en Verín, homenaxear ao longo de 2023, e en especial no Día das Artes Galegas que se conmemora o 1 de abril, a Martín Códax, trobador galego da segunda metade do século XIII e comezos do XIV, posiblemente de orixe vigués. A RAGBA explica que a figura de Martín Códax, con todo o que representa, é o persoeiro máis indicado para protagonizar o Día das Artes Galegas 2023, por primeira vez na súa vertente musical. Agárdase aínda por un programa de accións sobre esta elección para o vindeiro ano que poida incluír diferentes achegas á súa figura e obra, como é habitual na celebración do Día das Artes Galegas a través de exposicións e accións divulgativas.

Segundo comunica a real Academia, a grandeza da lírica medieval galega explícase pola conxunción de texto e música, de tal xeito que a música é o vehículo do texto poético. A entidade lembra que o monumental corpus medieval das cantigas galegas (máis de 2.100) ten unha dimensión histórica, cultural e identitaria que, aínda que ninguén ignore, posiblemente non se chega a ser plenamente conscientes do seu verdadeiro alcance. Grazas a edición da obra "As cantigas de Martín Codax en 55 idiomas" levada a cabo pola Universidade de Vigo en 2018, o trobador pode ser hoxe en día o autor galego máis traducido a diferentes linguas, desde o emakhwa de Mozambique ao ruso, do alemán ao maorí de Nova Celandia, do croata ao guaraní do Paraguai, do zoque-popoluca mexicano ata o tamazigh do norte de África, pasando por case todas as linguas románicas e xermánicas, ata sumar un total de 55 idiomas. No ano 1998 a RAG dedicou o Día das Letras galegas aos Trobadores da Ría de Vigo, o que incluía a Martín Códax xunto a Mendinho e Xoan de Cangas. Ao corpus musical galego que se podería representar simbolicamente na figura de Martín Códax habería ademais que engadir a iconografía musical conservada que ten o seu máis elevado expoñente no Pórtico da Gloria.

Día das Artes Galegas
O Día das Artes Galegas foi creado pola RAGBA en 2015, celebrando ao Mestre Mateo, quen nesa data do 1 de abril de 1188 dirixiu a colocación dos linteis do Pórtico da Gloria na Catedral compostelá, segundo consta nos mesmos. Na última edición de 2022 a figura homenaxeada foi o pintor lalinense José Otero Abeledo “Laxeiro”. Na edición 2020-2021 o homenaxeado foi o arquitecto do Barroco galego, Domingo de Andrade, arquitecto do Barroco galego, formulador da imaxe de Santiago na contorna da Catedral. Mentres en anos anteriores homenaxeáronse figuras como a de Luis Seoane (2019), Alejandro de la Sota (2018), Maruja Mallo (2017), e Alfonso Daniel Rodríguez Castelao (2016).