Baldomero Iglesias lanza o primeiro volume do Catálogo do Cantar de Cego Galego

O Museo do Pobo galego acolle a presentación ás 19 horas deste 21 de outubro

Unha serie de ensaios a definir a figura das cegas e cegos cantores e unha proposta de catalogación dos xéneros que interpretaban. Esta é a proposta que realiza Baldomero Iglesias Mero no primeiro volume do seu Catálogo do Cantar de Cego Galego. A obra que se presenta no Museo do Pobo Galego ás 19 horas deste 21 de outubro é a primeira dun ambicioso proxecto que pretende recoller, catalogar e difundir este patrimonio.

A presentación do volume, subtitulado Crónica e descrición de persoas, músicas e cantadelas contará coa intervención de Concha Losada, presidenta do Padroado do Museo do Pobo Galego e responsable do Arquivo do Patrimonio Oral e da Identidade, Valentín García, secretario xeral de Política Lingüística; Diniz Cabreira, socio de Companha Editora; Xosé Quintás Canella, músico, cantante e prologuista do libro e mais Baldomero Iglesias. O acto fechará cunha actuación musical a cargo de Miro Casabella.

Segundo recolle a descrición do volume, o cego representa unha "figura arquetípica, evocada polo tempo cunha visión amábel e poética, representaba un modelo humano moi propio, convertido en referente estético e simbólico". A salientar a importancia deste oficio na transmisión do patrimonio musical tradicional, apunta que o autor apunta que "eran, en esencia, xograres modernos: persoas que vivían da música, malia estar sometidas a unha vida dura. Lograban converterse no centro expectante das feiras, declamando con voz quebrada relatos tráxicos e, logo, ofrecendo os papeis impresos que prolongaban esas historias arredor da lareira. O humor, a ironía e as picardías acompañaban romances, cantigas e relatos de crimes, nun oficio condicionado pola falta de vista pero asumido con orgullo, nunca como mendicidade, senón como traballo digno".