Os servizos de normalización protagonizan os XXVII Encontros para a Normalización Lingüística

O Consello da Cultura Galega acolle a xornada, que se pode seguir en liña, este 21 de outubro

Considerados axentes fundamentais para o avance da lingua galega, os Servizos de Normalización Lingüística (SNL) e os Equipos de Dinamización da Lingua Galega (EDLG) protagonizan a vixésima sétima edición dos Encontros para a Normalización Lingüística. A sede do Consello da Cultura Galega (CCG) en Santiago de Compostela acolle este 21 de outubro o encontro, que se pode seguir en liña na canle de Youtube da entidade.

Precisamente, unha análise da situación actual destes servizo e equipos abre a sesión. O Observatorio da Cultura Galega do CCG realizou un informa que quere dar a coñecer o traballo que realizaron as entidades ao longo dos seus preto de trinta anos de historia e identificar os retos de cara ao futuro. Håkan Casares Berg (Observatorio da Cultura Galega) e Ana Iglesias Álvarez (Comisión Técnica do Centro de Documentación Sociolingüística de Galicia) serán responsables de presentar estes datos.
O programa continúa coa mesa "Pasado con pegada e futuro en construción: o traballo dos servizos de normalización lingüística", da man de profesionais dos servizos de normalización da USC e dos concellos de Ferrol, Carballo, Rois e Dodro, moderados por Mónica Fernández Valencia.

Outra mesa sobre boas prácticas neste tipo de produtos dará a coñecer proxectos de éxito desenvolvidos por diferentes concellos e entidades, como os Obradoiros de Acollemento Lingüístico, a campaña Modo Galego. Actívao! ou Narón gaña co galego, entre outros.

Os equipos de normalización dos centros de ensino protagonizan a sesión da tarde, cunha mesa coloquio que abordará o seu papel e traxectoria. Representantes de centros como o IES Antón Losada Diéguez, o CEIP José Cornide Saavedra, o CPI O Cruce ou o Colexio Divino Maestro compartirán as súas experiencias, nun debate moderado por David Cobas Medín.

O alumnado que fai parte destes equipos explicará na última mesa da tarde a participación en proxectos como 21 días co galego, Aquí tamén se fala ou o Club de Debate Alingua, con moderación de Xaime Varela Sieiro. Unha actuación do grupo Regueifa Tour pechará a xornada.