A falta de recursos e o voluntarismo lastran a acción dos Servizos de Normalización Lingüística

O Consello da Cultura Galega presentou unha análise da situación destas entidades cando se fan tres décadas da súa creación

O Consello da Cultura Galega daba a coñecer este 21 de outubro o primeiro estudo que analiza a situación dos Servizos de Normalización Lingüística (SNL) e dos Equipos de Dinamización da Lingua Galega (EDLG) que funcionan no noso país. A coincidir coa celebracións dos Encontros para a Normalización Lingüística, a entidade presentou esta análise na que se recolleron datos de medio cento de servizos, na súa maioría municipais, e de 420 equipos, vencellados a centros de ensino.

Entre as principais conclusións do documento, elaborado polo Observatorio da Cultura do Consello da Cultura, está que a falta de recursos e a excesiva dependencia do voluntarismo lastran a acción destas entidades. Así, segundo o texto, estas funcionan "grazas á profesionalidade e ao compromiso das persoas que as integran, mais precisan estabilidade financeira, mellor gobernanza e coordinación efectiva para garantir a continuidade da política lingüística de proximidade".

Os SNL, nacidos hai tres décadas, dependen nun 81% dos casos da administración local, cunha idade media de 24,5 anos de funcionamento. Os datos revelan que existe unha rede consolidada destas entidades, aínda que só nun 16% dos concellos existe unha activa. A isto súmase un reparto desigual polo territorio, cunha maior concentración na provincia da Coruña e pouca presenza nos concellos rurais. A escaseza ou mesmo total ausencia de orzamento aparece como principal eiva para estes organismos, segundo as respostas aos cuestionarios realizados. Deste xeito, case a metade (47,2 %) carece de fondos propios para o seu funcionamento.

En canto ás funcións que desenvolven, o asesoramento lingüístico ocupa a cuarta parte do tempo de traballo (25,1 %), seguido de propostas de dinamización (20,4 %) e de xestión administrativa (18,5 %). O lecer (69,8 %), a mocidade (69,8 %) e as familias (64,2 %) concentran as propostas destas entidades.

No caso dos EDLG, é o profesorado de Lingua Galega o que se encarga de manter a súa actividade en case o 45% dos casos, cunha composición media de seis docentes. Dentro do traballo que desenvolven, o groso das súas actividades céntranse en efemérides, campañas e accións simbólicas. Neste caso, a implicación do persoal participante leva a "un desaxuste claro entre as horas asignadas ao coordinador ou coordinadora do equipo e as horas reais investidas, que son máis do dobre", segundo recolle o informe. Neste sentido, detéctase unha demanda de "maior anticipación e volume das axudas e máis coordinación interinstitucional". As actividades máis frecuentes nestes equipos, segundo o informe son as efemérides, certames literarios, obradoiros de lectura, festivais culturais e iniciativas como o Programa Apego.