O web do Consello da Cultura Galega ten xa dispoñibles as conclusións dos XXVII Encontros para a Normalización Lingüística que se celebraron o pasado 21 de outubro coa presenza dunha vintena de especialistas neste campo. A necesidade dun maior apoio aos Equipos e aos Servizos de Normalización Lingüística, aos que estivo dedicada a xornada, aparece como principal eixe deste documento.
No mesmo destácase a necesidade dunha mudanza estratéxicas nestes organismos, incrementado o seu número e promovendo a coordinación entre eles para "consolidar unha rede estable, equilibrada e equitativa que cubra todo o territorio e chegue a toda a cidadanía". Reclama ademais o texto "unha normativa de ámbito supramunicipal que regule a existencia, funcións e integración institucional dos SNL, garantindo a coherencia das políticas lingüísticas no conxunto do territorio". Canda a isto, reclámanse reforzos de persoal e orzamentarios ademais de "un cambio de actitude das administracións públicas e un maior compromiso político a todos os niveis" entre outras medidas.
O texto das conclusións salienta a importancia dos programas que nos últimos anos están a nacer no seo dos equipo de dinamización dos centros educativos, a listar exemplos como 21 días co galego, Clubs de debate, Programas de radio escolares ou Aquí tamén se fala entre outros. Do mesmo xeito, apunta os proxectos colaborativos que se desenvolven desde os Servizos de Normalización Lingüística, en particular os promovidos desde a Coordinadora de Traballadores/as de Normalización da Lingua (CTNL), que puxo en marcha programas como Apego, Youtubeir@s ou Enreiguéifate.




