O Consello da Cultura analiza o traballo do Centro Dramático nunha xornada

O encontro, que se pode seguir online, abre un ciclo de debate sobre as institucións culturais galegas

A sede do Consello da Cultura Galega (CCG) en Santiago de Compostela acolle este 19 de novembro a xornada Centro Dramático Galego, vixencia e contribución da institución ao futuro da creación escénica galega. O encontro, que se pode seguir en liña na canle de Youtube da institución, repasa a traxectoria e desafíos da unidade pública de produción teatral do noso país. A iniciativa abre un ciclo no que o CCG afondará no papel das institucións culturais galegas actuais.

Dolores Vilavedra, vicepresidenta do CCG, xunto con Cristina Domínguez, inauguran a sesión, que contará cunha primeira mesa de debate titulada CDG: 40 anos de impacto na creación escénica en Galicia. Na mesma, farase un balance da contribución da entidade á creación e produción escénicas, así como a súa relación coas novas tendencias do teatro. Os exdirectores do Centro, Eduardo Alonso, Manuel Guede e Cristina Domínguez, participarán no encontro que modera a actriz Melania Cruz. Unha conversa entre o director actual do CDG, Francisco Núñez, e o xestor cultural e investigador Carlos-Caetano Biscainho continúa o programa.



Unha segunda mesa co título O CDG no futuro do teatro galego ante os retos do século XXI porá foco nos desafíos que afronta a institución nun contexto de transformación social, cultural e tecnolóxica. Arantza Villar, Manuel Xestoso, Vanesa Sotelo e Nieves Lema, con moderación de Carlos-Caetano Biscainho, analizarán "como evolucionou o público, que novas demandas xorden no sector escénico e cal pode ser o impacto da actividade do CDG no territorio e no traballo das e dos profesionais das artes escénicas", segundo indica o Consello da Cultura.

Precisa o CDG un cambio de modelo? Unha visión para a súa autonomía e independencia é o título da mesa que abrirá a sesión da tarde, a amosar experiencias doutras institucións similares e repensar a posibilidade dunha reforma da entidade galega. Carme Portacelli, directora do Teatre Nacional de Catalunya; Fefa Noia, produtora e exdirectora do CDG, actualmente directora adxunta do Centro Dramático Nacional; e Darach Ó Tuairisg, exdirector do o teatro público en lingua gaélica An Taibhdhearc Na Gaillimhe, en Galway, xunto cun representantes da Consellaría de Cultura, Lingua e Xuventude participarán no relatorio.