O acto central do Día das Artes dedicado a Isaac Díaz Pardo farase en Santiago

O Teatro Principal acollerá o vindeiro 1 de abril as intervencións de Xosé Díaz, Antonio Quintana Martelo e a alcaldesa da capital

O Día das Artes Galegas 2025, dedicado ao creador compostelán Isaac Díaz Pardo (Santiago de Compostela, 1920 – A Coruña, 2012), celebrarase o vindeiro 1 de abril no Teatro Principal en Santiago de Compostela. O Concello de Santiago e a Real Academia Galega de Belas Artes (RAGBA) presentaron hoxe en rolda de prensa os actos previstos para a efeméride. Neste evento central o académico Xosé Díaz, fillo do homenaxeado, dedicará unha laudatio a esta figura clave na cultura galega, no que falará sobre o seu tránsito artístico, da pintura á industria, e persoal, desde Santiago ata Sargadelos, pasando por América. A homenaxe continuará ao logo do ano con diferentes actividades, como unha exposición no mes de xuño no Museo de Belas Artes da Coruña.

O do Teatro Principal será un acto aberto ao público que comezará ás 19:00 horas. O presidente da RAGBA, Manuel Quintana Martelo, inaugurará o evento cun discurso de benvida e, a continuación, Xosé Díaz será o académico responsable de pronunciar a laudatio, titulada "Isaac Díaz Pardo ou as formas que xorden da memoria". O acto pecharase coa intervención do conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude da Xunta de Galicia, José López Campos; e a alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín, que clausurará unha celebración que contará con actuación musical durante o seu transcurso. Previamente, ás 17:00 horas, celebrarase unha Sesión Ordinaria da Academia no Salón de Plenos do Concello. Quintana Martelo subliñou que os actos de homenaxe a Isaac Díaz Pardo continuarán ao longo de todo o ano e ata o 1 de abril de 2026.

Anunciou tamén Quinta Martelo, que no mes de xuño inaugurarase a exposición "A barca de Caronte" no Museo de Belas Artes da Coruña, impulsada pola Academia coa colaboración da Xunta de Galicia, e comisariada por Xosé Díaz. Nesta mostra abordarase a transición vital e profesional de Díaz Pardo da pintura á industria. Ademais desta actividade, celebraranse durante o ano simposios, conferencias ou roteiros en diferentes puntos de Galicia, como unha charla organizada polo Ateneo de Santiago o 7 de abril en Afundación, ou outra en Lugo pola actividade industrial de Sargadelos. Elaboraranse estudos sobre a figura de Isaac Díaz Pardo e editarase un libro que se distribuirá polos centros educativos galegos pola importancia de que a xente nova coñeza a todos aqueles persoeiros que fixeron posible a cultura galega. Finalmente, a concelleira. Miriam Louzao, anunciou que o Concello presentará este ano a reedición dun libro de Xosé Ramón Fandiño, 'Isaac Díaz Pardo. Memoria do compromiso', un traballo que se elaborou durante o centenario do nacemento de Díaz Pardo.