A Xunta pon en marcha o proceso de cobertura da dirección do CGAC por libre designación

O Goberno Autonómico desoe as protestas que solicitan desde o sector da arte a apertura dun concurso de méritos

| Santiago. Redacción / S. Montes | Seccións: ArtePolíticas Culturais
Compartir:
A Xunta pon en marcha o proceso de cobertura da dirección do CGAC por libre designación

Os prazos xa están a correr desde hoxe para a elección da persoa que dirixirá o Centro Galego de Arte Contemporánea. O Diario Oficial de Galicia publicaba onte a resolución pola que se daba comezo ao proceso de designación nos termos que xa estaban confirmados desde a Xunta de Galicia, de funcionarización do posto e elección por libre designación, malia o visible malestar do sector galego da arte, tanto en opinións colectivas como individuais.

A convocatoria publicada no DOG é chover sobre mollado, toda vez que de desde a Xunta, a través dun comunicado de prensa e das declaracións de Anxo M. Lorenzo, Director xeral de Cultura, deuse a coñecer que o posto se decidiría por libre designación e que sería de acceso restrinxido a funcionarios de carreira e docentes. As voces en contra deste xeito de cubrir a praza comezaron a escoitarse desde o anuncio do cese de Santiago Olmo e as primeiras informacións sobre que non se cubriría a praza a través dun concurso aberto, do xeito que ocorreu cos anteriores directores do CGAC.  Lorenzo sinalaba a unha "obriga legal" que xustificaba este modelo de acceso á praza, baseándose tamén na propia Relación de Postos de Traballo do Centro. A Dirección Xeral de Cultura asegura a selección da candidatura idónea ao cumprir o proceso cos criterios de transparencia, mérito e capacidade para a selección da candidatura idónea. O departamento de Cultura da Xunta establece que segundo a convocatoria poderá concorrer a este posto persoal funcionario de carreira, que deberá presentar na súa solicitude un currículo, onde se xustifiquen os méritos para dirixir este centro museístico, referente da arte contemporánea en Galicia e España. Así mesmo, as persoas aspirantes terán que achegar un proxecto de dirección do Centro Galego de Arte Contemporánea, que deberá conter as liñas de programación a desenvolver, de acordo co establecido nos obxectivos e funcións dunha das institucións culturais galegas máis prestixiosas, desde a súa creación en 1993. Ao soldo como funcionario da persoa seleccionada sumaráselle un complemento específico de 26.303,90 euros.

 

 

En declaracións ao xornal La Voz de Galicia, Anxo M. Lorenzo asegurou que existe desde o 2015 coa a nova Lei de Emprego Público de Galicia "unha obriga legal que fixa que un organismo que non sexa autónomo, como o CGAC, dependente da consellería, non pode ter á fronte un cargo cun contrato de alta dirección, como o que vinculaba a Olmo, senón que ten que ser funcionario". Numerosas persoas do sector declararáonse en conta, tanto ao ser inqueridas desde os medios, como por iniciativa propia a través de redes sociais. Poucas son as voces que apoiaron a decisión da Xunta. A nivel colectivo, o Departamento de Historia da Arte da USC fixo pública unha declaración asinada polos 32 docentes que o conforman e que posteriormente puido ser subscrita por outras moitas persoas, opoñéndose ao proceso de escolla por libre designación da dirección do CGAC e solicitando que se faga a través dun concurso aberto. Esta declaración colectiva inclúe a proposta, como mal menor e de existir a imposición legal, da chamada "dirección bicéfala", pola cal ademais da contratación dun director "xestor" que teña que ser funcionario, debería engadir a contratación por concurso dun comisario que leve a dirección artística do centro. Un modelo que xa existe en países anglosaxóns, por exemplo. 

 

 

Fontes do sector sinalan que o uso deste sistema de contratación para unha institución como o Centro Galego de Arte Contemporánea non ten lóxica en Galicia, toda vez que a administración autonómica non convocou de xeito regular prazas ao corpo de funcionarios de museos durante as pasadas décadas, sendo as máis recentes do pasado ano 2025. Segundo estas fontes, no eido estatal pode resultar lóxico o proceso, xa que o Estado si que permite acceso ao corpo de funcionarios de museos, ou incluso en comunidades como Andalucía, que convoca prazas de xeito regular. Pero en Galicia, sen apenas novas prazas cubertas nos últimos 25 anos para integrar o corpo de funcionarios de museos, talvez non resulta o máis axeitado. De aquí a vinte días pecharase o prazo de presentación de solicitudes, cos seus proxectos de dirección, que non poden ter mais de cinco páxinas, segundo a convocatoria.

 

Que che parece esta nova?
200 lecturas 0 reaccións

Cando valoras a nova, culturagalega.gal aprende para ofrecerche a ti e outros usuarios con gustos afíns máis contidos de interese.

Axuda a difundir a cultura galega

Do mesmo ámbito

Universos

Claves