O anuncio por parte da Xunta de Galicia da vindeira designación da dirección do Centro Galego de Arte Contemporánea (CGAC) a través dun sistema de libre designación que levará a que sexa un funcionario público o que ocupe o posto, levantou opinións de rexeitamento no sector da arte. Se ben xa había opinións individuais posicionandose sobre o asunto, agora ven de facerse pública unha "Declaración do Departamento de Historia da Arte da USC sobre a situación do CGAC". Trinta e dúas sinaturas de membros do departamento académico subscriben esta declaración.
No texto os académicos opóñense ao proceso de escolla por libre designación da dirección do CGAC e explican que na súa consideración o perfil do próximo director do CGAC debe escollerse a través dun concurso aberto, "que siga (e perfeccione, na medida do posible) o código das “boas prácticas”, e que de prioridade á escolla dunha ou dun historiador/a da arte que, a través de súa traxectoria e do proxecto elaborado para a ocasión, poda acreditar a súa excelencia e idoneidade para o cargo". Para eles os criterios desta nova convocatoria supoñen un cambio profundo e radical que "provocarán que a especialización profesional do director/a no campo da arte contemporánea" un criterio que lembran que foi o que rexeu a elección dos seis directores do CGAC ata o momento, "se vexa substituído por un criterio técnico ou administrativo que non pode garantir nin a especialización do futuro responsable da institución, nin tampouco, que se trate dunha persoa de recoñecido prestixio no sector da arte contemporánea".
Como alternativa, desde o departamento universitario propoñen, entre outras posibilidades, avanzar cara un modelo bicéfalo propio dos países anglosaxóns, onde a dirección dos grandes museos repártese entre un director-xestor, especializado en cuestións administrativas e de representación, e un director artístico, cun perfil máis curatorial e/ou académico.

