Miguel Fernández Cid: “temos que chegar ao momento en que a arte contemporánea sexa xeradora de ideas”

Miguel Fernández Cid: “temos que chegar ao momento en que a arte contemporánea sexa xeradora de ideas”

Chegou de Madrid para dirixir un CGAC cuestionado e sen rumbo, logo da polémica marcha de Gloria Moure. Cinco anos despois Miguel Fernández Cid fai balance do seu traballo no mesmo momento en que a institución cumpre dez anos. Un traballo que pasou por dous principios: reencontrar a arte local coa internacional marcando relacións sólidas entre os creadores e dotar ao CGAC dunha serie de infraestructuras como unha biblioteca, un departamento de publicacións... que o achegan máis á idea de museo que de centro de arte contemporánea.

No momento en que vostede aterra no CGAC, a institución estaba atravesando unha dura e grave crise. Precisaba un revulsivo ¿que medidas se tiveron que tomar?

O primeiro obxectivo era acabar de poñer en funcionamento algo que sentía, que era que o CGAC non estaba posto en funcionamento do todo. Entrabas ao CGAC e, nos primeiros meses da nosa estancia, pola propia arquitectura do centro, se non están ocupados uns espacios como os da librería, os da cafetería ..., un entraba e notaba o espacio como demasiado grande. Faltáballe que entrase vida. Vía un exceso de respecto, pero no mal sentido, en algo que se está a impoñer. E o primeiro que había que facer era dotar ao CGAC dunha serie de infraestructuras que eu vía que non tiña. Había un auditorio moi interesante que non había posibilidade de proxectar ou de facer audicións, ou traduccións simultáneas se non traías os equipos de fóra. Creo que os centros de arte contemporáneo teñen que dispoñer dunha infraestructura que se ha de ir concretando co tempo. Vía que había que introducir unha serie de cambios se queriamos que o CGAC se mantivese durante moito tempo. Tamén é certo que unha vez dentro xa te das conta de que o CGAC non era coñecido en Santiago, había moita desconfianza, descoñecemento, falta de conexión, que non son cousas que non se conseguen nun ano, en dous; e sempre queres ir achegando á xente... era o que sentía naquel momento.




Ademais chegaba nun momento difícil para a institución porque se falaba do posible peche ou cambio de rumbo. E se o CGAC chega a estar uns meses sen actividade tería un problema de credibilidade que logo sería difícil de remontar. Eu, que chegaba desde a miña faceta de crítico, vivín e xulguei o que supuxo o peche dalgúns centros próximos ao CGAC por algúns meses. Así as nosas primeiras ocupacións e preocupacións foron encher o CGAC de actividades (exposición e demais...) sendo consciente, como era nese momento, de que cando se lle propuña a alguén realizar unha exposición e se lle falaba dunhas datas que eran horrorosas, sabías que o estabas enganando, dicíaslle novembro cando realmente querías dicir setembro... E esa foi para min a gran dificultade adicional, negar o que xa se dicía por aí sobre que isto se ía pechar.




PARA MIN A GRAN DIFICULTADE ADICIONAL FOI NEGAR O QUE XA SE DICÍA POR AÍ: QUE ISTO ÍA PECHAR




E agora, superado ese dramatismo inicial ¿Que se conseguiu no CGAC?

Agora vexo, curiosamente, que o edificio en si se me fai máis abarcable. Logo dos problemas de mantemento (da carpintería exterior, da cor do granito...) que se converteron nunha obsesión. E con respecto ao que xa había, que eu percibía como unha liña de exposicións de artistas estranxeiros, máis tres españois e non galegos que facían exposicións grandes coa que estaba completamente de acordo. E logo había exposicións de artistas galegos nunha fórmula coa que non estaba de acordo e propuxen outra. A min preocupábame atopar a medida das cousas, e iso é analizar as exposicións, por iso digo tamén que cambiou a miña percepción do CGAC, dun espacio grande a unha medida xusta.


Nós abrimos as exposicións a unha xeración que ata entón non estivera presente no CGAC, que creo que é a xeración que está chamada a marcar outro fito de intensidade dentro da arte galega. É a xeración de Salvador Cidrás, de Mónica Alonso... Cidrás foi o primeiro artista galego que foi ao Reina Sofía, Vicente Blanco será o segundo. Son artistas duns 30 anos que suscitan o interese de centros como o Reina Sofía. A todos nos gustaría que todas as mostras que programamos suscitasen interese noutros centros. Pero a realidade é outra. Nós buscamos a medida, ampliamos tanto para arriba como para abaixo a presencia de artistas galegos, non nos esquecemos de Seoane ou de Caruncho, artistas que cremos que deben ter esa exposición que revise e faga un balance crítico da súa obra.



Vostede fai fincapé na distinción entre centro de arte e museo ¿que implica esa diferencia?

O que diferencia un museo dun centro de arte, é que o museo estudia a colección que alberga e coa que quere contar algo. Nós somos centros de Arte porque así se decidiu no momento da creación do CGAC e sen embargo, desde dentro nós somos conscientes que estamos facendo tarefas propias de museos. Iso si, dentro dos límites que pode selo e dentro das posibilidades do CGAC.


¿Cal é a filosofía desas coleccións sobre as que se investiga?

Son moi distintas e comezo pola de fóra. A colección da Fundación Arco é unha idea da súa directora, Rosina Gómez Baeza, que no seu momento xulguei como unha idea moi intelixente. Foi por unha banda para dicirlle ás galerías que desde Arco se facía un esforzo grande, porque era un momento en que as galerías estaban a cuestionar a utilidade da feira; e por outra parte preguntarse porque non se daba entrada á arte estranxeira nas coleccións. Así propuxo que a Fundación Arco comprase obra só en galerías estranxeiras o que servía tamén como indicador da presencia de artistas galegos fóra. Algo que cambiou moito desde que comezou Arco no 88 ata hoxe, xa que unha colección como a de Arco foi moi rara no seu momento pero hoxe xa non o é.
E polo outro lado está a nosa colección, a do CGAC, coa que pretendemos que sexa unha liña de traballo, como unha arañeira que reflicta as actividades celebradas. E como os cartos para as compras son limitados no caso dos artistas de gran recoñecemento internacional, se o CGAC pode acceder á compra dunha obra importante, cómpraa. Agora ben, ter nome por ter nome, non.


E cando a fundación Arco leve os seus fondos... ¿que medidas se teñen previstas para non notar a súa perda?


Claramente, cando nun momento dado comezamos a albergar a colección sabiamos que chegaría o día en que perderiamos os fondos. E fixemos a reflexión de que tiñamos que empezar a comprar porque nun momento dado os fondos marcharían. Cando chegue o momento, porque está a construír a súa sé, darémoslle as gracias, se se me permite a chulería. Cando veu a colección Arco foi un acordo vantaxoso para os dous sitios. Para o CGAC porque non tiña colección e porque implicaba marcar unha idea de partida cun clarísimo carácter internacional ademais dunha marcada colección local. E para Arco foi marabilloso porque tiveron coidada unha colección que de non ser así a terían nuns almacéns ou nas oficinas estragándose. Ademais fixéronselle publicacións, publicidade, un coidado impecable... Cando abran a súa fundación, que será dentro de dous anos, a marcha da colección será menos sufrida. Nós non imos comprar algunhas das obras que teñen eles, pero están virando os ventos e no último ano pedíronnos máis obras para préstamos da colección CGAC ca da colección Arco.





NO ÚLTIMO ANO PEDIRON MÁIS OBRAS PARA PRÉSTAMOS DA COLECCIÓN CGAC CA DA COLECCIÓN ARCO








Ata o momento as exposicións no CGAC eran monográficas e agora acaba de presentarse unha mostra colectiva (Miradas Cómplices), ¿indica isto un cambio do tipo das exposicións cara a unha mostra de tese centradas en ideas?

Hai un ano houbo un cambio no CGAC e deuse unha nova liña na política de exposicións porque se abriron, e vanse abrir, moitos centros como o Marco, os espacios de Caixa Galicia e de Caixa Vigo, ademais doutros xa existentes como a Fundación Barrié. E todo isto fai que te reconceptualices o seu traballo xa que non ten sentido que se programen exposicións semellantes do mesmo artista en lugares próximos xeograficamente. Desta reflexión o que fíxemos foi expoñer traballos que estaban ocultos na nosa colección, os fondos que se foran mercando e o que fixemos foi acelerar a presentación desta liña. Apareceron así unha serie de exposicións iniciadas por “Miradas Cómplices” e que foi unha forma de ir presentando a nosa colección que teñen unha vertente moi clara á hora de xerar e provocar actividades.




Falando dese medio novidoso da arte en Galicia... ¿como se van a fomentar as relacións con outras forzas culturais dos eidos expositivos?


Tan pronto como se soubo quen era a directora do Marco falamos e puxemos en común as liñas polas que se ía mover. E no momento en que se fagan outros centros loxicamente farase esa reflexión. Eu desde aquí, desde o mesmo xeito en que pido que haxa un respecto por unha liña de traballo asentada de cinco anos, tentarei colaborar. O CGAC é un centro de arte contemporánea e non moderno e demostramos sobradamente unha diversidade de ideas (escultura, pintura, instalacións...) de tendencias e demais vencelladas ao compromiso coa arte contemporánea. E cando pido que me respecten un pouco, pido que respecten este punto de partida. No momento en que haxa outras institucións, nós estaremos encantados de pasarlles información, do mesmo xeito que prestamos a outros centros infraestructura (proxectores...) pareceríame tan necesario como o outro é ese pequeno respecto que é complicadísimo pero esencial para traballar.






Hai un tempo na reunión do padroado decidiuse atrasar que o CGAC se converta en fundación ¿que vantaxes vai ter para o CGAC?


Vexo a futura conversión do CGAC en Fundación como un paso conveniente e necesario que traerá unha vantaxe clarísima como é axilizar a xestión administrativa. E isto é o que realmente convén. Podería dar entrada a cartos privados, que agora tamén pode, pero ao converterse en Fundación sería máis directo. O CGAC está disposto a funcionar así mañá, por se houbese algunha dúbida, que non creo que haxa moitas. Ademais, gañará en independencia do mesmo xeito que eu teño que ser moi honesto a este respecto. Eu acabo de cumprir cinco anos á fronte do CGAC e teño que ser honesto ao falar da absoluta independencia con respecto á Consellería.



En xeral... ¿Que tendencias aprecia na arte contemporánea en Galicia?

O que máis me chama a atención hoxe na arte contemporánea en Galicia por parte dos creadores é a existencia dunha xeración que hoxe anda arredor dos trinta anos e que ten unhas propostas cunha solidez realmente importante. Obviamente os de agora teñen unhas viaxes que non tivemos nós no seu momento, unhas posibilidades de ver cousas preto que nós non tivemos e que lles dá un perfil moi concreto. Eu creo que esta xeración ten algo que ver coa existencia dunha facultade de Belas Artes de Pontevedra, dunha serie de galerías, de espacios, e cunha serie de posibilidades, por exemplo que a consideración de artista non teña esa condición de desconfianza que nun momento puido xerar. En Galicia, o que non houbo neste século foi unha continuidade moi clara na presencia de artistas, con personalidade e demais. Houbo momentos en que os artistas foron en solitario e en singular. Creo moi importante que cando falamos de arte, non nos limitemos a falar de artistas, a existencia de novos centros incrementa o potencial de creación. E así imos chegar, debemos chegar, ao concepto de que a arte contemporánea se tome con máis naturalidade, como punto de ideas, e sobre a que se poida reflexionar, e será cando a arte chegue a espacios de consideración.