Cultura activa o cambio na dirección do CGAC

O sucesor de Santiago Olmo tras unha década elixirase a través dun proceso de libre designación

| Santiago. Redacción | Seccións: ArtePolíticas Culturais
Compartir:
Cultura activa o cambio na dirección do CGAC

A Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude ven de anunciar a inminente renovación da dirección do Centro Galego de Arte Contemporánea a través da convocatoria dunha praza de libre designación que se fará en vindeiros días. Con este cambio porase fin á etapa de case once anos de Santiago Olmo á fronte da institución desde agosto de 2015, tras gañar un proceso de selección por concurso.

 A Xunta di que busca con este cambio abrir unha nova etapa na programación do centro. Con esta decisión, procurarase ampliar a internacionalización, unha maior apertura á creatividade dixital coa irrupción das novas tecnoloxías e darlle pulo a súa descentralización dentro e fóra de Galicia. O obxectivo do departamento de Cultura da Xunta con esta renovación é impulsar estes eidos na actividade deste centro museístico, referente da arte contemporánea en Galicia e España. 

 

Santiago Olmo (foto de arquivo)

 

A consellería, e en particular a Dirección xeral de Cultura, recoñecen a profesionalidade do traballo desenvolvido por Olmo (Madrid, 1958) ao longo dun período que consolidou o CGAC como unha das institucións culturais galegas máis prestixiosas desde a súa creación en 1993. Precisamente, cómpre salientar a excelsa programación deseñada, baixo a súa dirección, para conmemorar o trinta aniversario e que contou con medio cento de actividades para todos os públicos. De igual xeito, como resultado do labor desenvolvido ao longo deste período, o Centro Galego de Arte Contemporánea acadou en 2025 ser recoñecido como Insignia da cultura galega polo Observatorio da Cultura da Fundación Contemporánea, segundo os resultados do prestixioso informe elaborado coas valoracións de máis de 400 expertos e profesionais de toda España.

Que che parece esta nova?
174 lecturas 0 reaccións

Cando valoras a nova, culturagalega.gal aprende para ofrecerche a ti e outros usuarios con gustos afíns máis contidos de interese.

Axuda a difundir a cultura galega

Do mesmo ámbito

Universos

Claves