Xosé Lois Ladra elixido director do Museo do Pobo Galego

Tras gañar o concurso de méritos substituirá no cargo a Manuel Vilar nos vindeiros meses

| Santiago. Redacción | Seccións: Sociedade
Compartir:
Xosé Lois Ladra. Foto de Distrito Xermar - AELG  Centro de Documentación de autores-as  CC BY-SA 3.0

Xosé Lois Ladra. Foto de Distrito Xermar - AELG Centro de Documentación de autores-as CC BY-SA 3.0

O Museo do Pobo Galego resolveu o seu proceso aberto de remuda na dirección aprobando a candidatura presentada polo antropólogo e arqueólogo Xosé Lois Ladra (A Coruña, 1972) á convocatoria feita pola institución en febreiro. A asemblea do Padroado aprobou esta proposta da comisión seleccionadora que elixiu a Ladra para dirixir o Museo a través da convocatoria dun concurso de méritos co fin de suceder ao actual director, o antropólogo Manuel Vilar, que deixará o posto nos vindeiros meses por xubilación.

Ladra estudou Xeografía e Historia na USC, especializándose en Prehistoria e Etnoloxía na Universidad Complutense de Madrid. É ademais licenciado en Antropoloxía Social e Cultural pola UNED e ten un mestrado en Arqueoloxía pola Universidade do Porto, en Portugal. Ladra, que xa formaba parte da asociación do Museo do Pobo Galego como asociado, ten levado a cabo proxectos que teñen que ver coa recollida de patrimonio inmaterial e oral, como o Corgoral, no Concello do Corgo. Asemade, en 2008 gañou o VIII Premio Vicente Risco de Ciencias Sociais co traballo 'A pesca fluvial en Galicia', no que trataba a importancia patrimonial das pesqueiras, caneiros ou pescos no noso país. No palmarés da súa carreira nas ciencias sociais están tamén o Premio Pedra do Destino, Premio Ferro Couselo, Premio Cátedra, Premio Raigame, Premio Fermín Bouza-Brey.

Na asemblea do Padroado do Museo do Pobo Galego celebrada este sábado e que contou coa presenza do novo Conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José Campos, tamén se lle impuxeron a insignia de ouro da institución aos patróns Xosé Manuel González Reboredo e Manuel Caamaño Suárez. Ambos levan vinculados ao Museo desde os inicios e ocuparon cargos directivos. González Reboredo foi presidente da Xunta Reitora e colabora co Instituto de Estudos das Identidades e co Arquivo do Patrimonio Oral da Identidade (APOI). Manuel Caamaño foi secretario da Xunta Reitora.

Que che parece esta nova?
116 lecturas 0 reaccións

Cando valoras a nova, culturagalega.gal aprende para ofrecerche a ti e outros usuarios con gustos afíns máis contidos de interese.

Do mesmo ámbito