O Museo de Pontevedra recibirá a Medalla de Honra da Academia Galega de Belas Artes

A entidade recoñece a traxectoria histórica do centro e o seu proxecto museográfico

A entidade recoñece a traxectoria histórica do centro e o seu proxecto museográfico
Edificio Castelao do Museo de Pontevedra. Fonte: RAGBA
O plenario da Real Academia Galega de Belas Artes (RAGBA), acordou no seu plenario do pasado 29 de novembro outorgarlle a Medalla de Honra da institución ao Museo de Pontevedra. A Academia facía público este 5 de decembro o acordo, no que valora a "histórica traxectoria" do centro pontevedrés, desde a súa fundación no 1927, como institución que "adquire, conserva, documenta e estuda, divulga e expón desde unha sólida profesionalización da museoloxía", segundo explica o comunicado da concesión.

O académico e secretario da RAGBA, Felipe-Senén López, foi autor da proposta, que contou na súa presentación co apoio dos académicos Xosé Carlos Valle, Xurxo Lobato, Felipe Peña e Soledad Penalta. Na súa declaración, RAGBA destaca tamén o programa museográfico da entidade, que implica á cidade e mesmo a Galicia, o que o sitúa como "un referente pola súa constancia e renovación nos fins".

Do mesmo xeito, salienta que "o rápido e continuo crecemento das súas coleccións é unha constante no seu devir histórico". Do mesmo xeito, apunta a incorporación de novas sedes ao longo dos anos levou a que o centro conte na actualidade co Edificio Castro Monteagudo, as Ruínas de Santo Domingo, o Edificio García Flórez, o Edificio Fernández López, o Edificio Sarmiento, o Edificio Castelao e Convento de Santa Clara.