Sergio Meijide gaña o VII Premio CGAC de Investigación e Ensaio

O traballo 'Parlamentos de xeo' acadou a unanimidade do xurado

Sergio Meijide
Sergio Meijide
A Xunta vén de conceder o VII Premio CGAC de investigación e ensaio ao doutor en historia da arte Sergio Meijide (A Coruña, 1996), polo traballo 'Parlamentos de xeo (e outras friccións teóricas da arte do século XXI)' que acadou a máxima puntuación por parte do xurado. O Diario Oficial de Galicia publica a resolución deste galardón, dotado con 3.000 euros. A decisión foi adoptada por unanimidade polo xurado presidido polo director do Centro de Arte Contemporánea, Santiago Olmo, e integrado pola profesora e escritora, Teresa Moure, e a historiadora da arte e profesora, María Álvarez Cebrián. Todos eles valoraron especialmente a calidade literaria do texto e a boa documentación que aborda as transformacións acontecidas na teoría e na práctica artística coa chegada do século XXI. Sergio Meijide Casas é doutor en Historia da Arte pola Universidade de Santiago de Compostela, onde investigou o campo da estética e a teoría da arte. Actualmente colabora co departamento de Arquitectura do Centre Pompidou de París.

Tal e como salientaron desde o xurado, 'Parlamentos de xeo' conta cun relato non lineal, onde o autor pretende dar conta dalgunhas das tensións que subxacen ás mutacións teóricas e formais da arte recente. Afonda no final da posmodernidade fronte ao novo marco de pensamento inaugurado no cambio de milenio, a tensión entre o realismo especulativo e a teoría poscolonial e os debates que se derivan dela. Todo iso, para explicar como a arte contribúe aos debates do pensamento e subliñar a súa capacidade para conectar coas preocupacións máis urxentes da sociedade actual. Ao igual que as obras galardoadas en edicións anteriores, o texto de Sergio Mejide publicarase dentro da serie CGAC_Ensaio, unha colección que naceu vinculada ao Premio CGAC de investigación e ensaio sobre arte contemporánea coa vontade de apostar pola creación ensaística en lingua galega.