Jorge Fernández gaña cun ensaio-ficción o V Premio CGAC de investigación e ensaio

O xurado apoiou por unanimidade o texto 'A caverna baleira' valorando o seu enfoque multidisciplinar

Jorge Fernández Gonzalo
Jorge Fernández Gonzalo
A Xunta de Galicia concedeu o V Premio CGAC de investigación e ensaio a Jorge Fernández Gonzalo (Madrid, 1982) polo traballo 'A caverna baleira. Catálogo de arte inmaterial, imposible e inexistente' que acadou a máxima puntuación, vistas as deliberacións do xurado nomeado ao efecto. O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a resolución deste galardón, dotado con 3.000 euros. A decisión foi adoptada por unanimidade polo xurado presidido polo director do Centro Galego de Arte Contemporánea (CGAC), Santiago Olmo, e integrado polo escritor, filósofo e crítico de arte Ignacio Castro Rey, polo artista e profesor asociado da Facultade de Belas Artes de Pontevedra Suso Fandiño, pola comisaria e crítica de arte Chus Martínez Domínguez e pola coordinadora do departamento de publicacións do CGAC, Elena Expósito García. Todos eles valoraron especialmente a oportunidade e vixencia do tema tratado así como o enfoque multidisciplinar do traballo. O Premio CGAC de investigación e ensaio sobre arte contemporánea creouse en 2018 co obxectivo de promover a creación ensaística en lingua galega no ámbito das artes e a cultura contemporánea.



A arte inexistente
'A caverna baleira' preséntase como un exercicio de ensaio-ficción motivado polo descubrimento azaroso dun suposto Instituto de Arte Inexistente. A partir deste feliz achado, o autor constrúe segundo o xurado un texto moi sólido e ben fundamentado, que nos conduce a través dos diversos enfoques teóricos, categorizacións e xenealoxías aplicables á arte inexistente. A tal fin, revisa algunhas das liñas de contraprodución estética que marcaron o cuestionamento do obxecto artístico e propón un itinerario a través das obras de arte inexistentes e doutras cuxa existencia é cuestionada. Arte invisible, arte inmaterial, arte fake e arte non producida son balizas deste percorrido no que o autor declara abertamente a súa rebeldía fronte ao status hexemónico da arte negándose a si mesmo a condición de artista.

Jorge Fernández Gonzalo é doutor en Filoloxía Hispánica pola Universidade Complutense cunha tese sobre a poesía de Claudio Rodríguez. Á súa tarefa investigadora hai que engadirlle unha recoñecida traxectoria como poeta, con cinco poemarios publicados e premios como o Joaquín Benito de Lucas ou o premio Hiperión de poesía. Codirixe a publicación dixital Revista Neutral, especializada na obra e o pensamento de Maurice Blanchot, e publicou unha trintena de estudos sobre poesía, filosofía e pensamento en revistas especializadas. A súa obra Filosofía zombi foi finalista do Premio Anagrama de Ensaio en 2011.