O festival Dansa València acolle, este 16 de abril, a primeira presentación pública do catálogo dixital Danza Galicia. A Xunta publicaba o día 13 a terceira edición deste inventario dixital que recolle un total de 137 espectáculos que manteñen en cartel 55 compañías e artistas. O proxecto pretende favorecer a visibilidade do sector galego das artes coreográficas de cara á súa contratación.
Segundo a Xunta, "esta edición do catálogo dá conta da fortaleza e da pluralidade da danza galega actual, cunha representación moi ampla de linguaxes, formatos e enfoques escénicos". Danza contemporánea, de raíz, urbana, inclusiva e transversal atópanse na publicación con creacións que dialogan co teatro, a música en directo, a performance ou o circo. A publicación achega información básica e de contacto de cada compañía, ademais de datos técnicos e sinopses das diferentes montaxes que teñen en cartel.
As formacións rexistradas nesta edición cos espectáculos que actualmente manteñen en repertorio son Amarelo Cía., Amparo MP Danza Contemporánea, Artístika Producciones, Ay, Cariño!, Cali Danza, Can Cun Quinqué, Cía Aïda Colmenero Dïaz, Clara Ferrao Diz, Colectivo DeXeito, Colectivo Glovo, Colectivo La Veleta, Constance Hurlé, Cris Balboa, Cristina Montero, Daniel Rodríguez Cia, D’elas, Desfoga, Determinada Compañía, Disiden.Cía, Elahood, Elvi Balboa, Enésima, Et Suseia Danza, Eudanza, Eva Comesaña, Exire, Experimentadanza, Félix Fernández, Fran Sieira, Compañía de Danza, Furia Sotelo, IXA, Julia Laport Rivas, Kirenia Danza, Laboratorio Escénico, La Guajira, La Macana, Laura Llauder, Marcia Vázquez, Marta Alonso Tejada, Nelson Quinteiro Producións, Noa Covelo, Nova Galega de Danza, Óscar Cobos Compañía de Danza, Pablo Vázquez, Paula Quintas Cía., Pisando Ovos, Proxecto Morriña, Punto y Waack, Raquel Ferradás, Sil Producciones - Artes en Movimiento, Söa, Tango en Galicia, Tanit Cobas, Tuatha e Vacaburra.




