Comeza en Ourense a 4ª edición do festival SoloDOS en Danza

O certame competitivo de danza contemporánea contará con compañías de seis países

A cidade de Ourense acolle desde hoxe a 4º edición de SóloDOS en Danza. O certame desenvolverase até o sábado 23 de novembro, cunha chea de actividades que lle achegarán a danza contemporánea a todo tipo de públicos. O evento contará con compañías de 6 países e 9 comunidades autónomas españolas. Será no Auditorio Municipal de Ourense e estenderá o seu programa de formación ao Laboratorio Escénico Coop da Coruña o día 24. Esta edición contará con artistas de Galicia, País Vasco, Madrid, Cataluña, Asturias, Valencia, Santander, Zaragoza, Granada, Costa Rica, Ucraína, Chile, Ecuador e Arxentina entre outros. Durante o Festival presentaranse 13 obras de creadores noveis Iberoamericanos. O Festival organiza un Foro profesional, onde estarán presentes proxectos de Danza como Red A Cielo Abierto (Rede de Festivais de Rúa de España) e Festival Trayectos de Zaragoza.

Mestres distinguidos impartirán clases maxistrais para estudantes de danza e talleres especializados para profesionais e público xeral. Tanto hoxe como mañá, máis de 500 nenos e mozos da provincia de Ourense terán un programa exclusivo para eles, compartirán e poderán dialogar cos creadores sobre as súas obras. Eles outorgarán o PREMIO XOVE a unha das 10 obras semifinalistas do certame de creación de dúos e solos. O 23 de Novembro ás 20.30 horas terá lugar a Final do Certame de Creación de Dúos e Solos en Danza Contemporánea onde concursarán as coreografías seleccionadas para a final. A coreografía gañadora será premiada co PREMIO SóLODOS EN DANZA / OURENSE / 2019 con Xira Costa Rica. Ademais se entregarán diferentes premios e bolsas entre os artistas participantes.
Ligazóns