Otero Pedrayo sendo recibido en 1959 no Centro Galego de Bos Aires.
Co gallo do cincuentenario do pasamento de Ramón Otero Pedrayo, o Consello da Cultura Galega pon á disposición do público seis documentos sonoros até agora inéditos coa voz do escritor ourensán. Os audios, custodiados polo Arquivo Sonoro de Galicia, corresponden á viaxe que Otero Pedrayo realizou á Arxentina no verán de 1959, onde foi o convidado de honra do Centro Galego de Bos Aires con motivo das Xornadas Patrióticas Galegas.
As Xornadas Patrióticas Galegas eran a principal celebración da colectividade galega na Arxentina arredor do Día Nacional de Galicia. Xurdiron como resposta á necesidade de dotar o 25 de xullo dun contido que excedese o mero feito relixioso e foron medrando en prestixio ata converterse nun acontecemento sen parangón entre as colectividades estranxeiras radicadas no país. Durante case dúas semanas organízabanse unha vintena de conferencias, sesións e actos no local social e nas máis altas tribunas arxentinas, ademais dos tradicionais concursos literarios e musicais, unha audición radial por LR 1 Radio El Mundo e a velada de gala no Teatro Colón.
A edición de 1959, que se desenvolveu entre o 17 e o 31 de xullo, contou coa presenza estelar de Otero Pedrayo. Acompañado da súa dona, o intelectual ourensán permaneceu case dous meses na Arxentina e despregou unha intensa actividade como conferenciante tanto en institucións galegas como en entidades arxentinas.
Entre as gravacións agora publicadas destaca "Cinco noites en Compostela", pronunciada na clausura das Xornadas o 31 de xullo, un percorrido fascinante polas rúas e pola historia da cidade do Apóstolo. Tamén se inclúe a conferencia de inauguración do 19 de xullo, na que Otero exaltou a lingua e a paisaxe galegas como sinais identitarios; a homenaxe ao mestre José Pazos no Centro Lucense, onde loubou a figura do músico; e a conferencia sobre a Universidade de Santiago de Compostela pronunciada o 17 de agosto, xa fóra do calendario oficial das Xornadas.
Completan o conxunto o discurso no acto de homenaxe a Otero Pedrayo do 25 de xullo, no que ofreceu unha sentida charla sobre Ourense chea de anécdotas persoais, e a intervención na inauguración do curso da AGUEA (Asociación Gallega de Universitarios, Escritores y Artistas) o 19 de agosto, onde abordou o espírito galego a través da historia da arte románica e barroca.
Estas seis pezas súmanse a outras gravacións das mesmas xornadas xa editadas polo CCG, como a conferencia de Eduardo Blanco Amor "Os poemas galegos de Federico García Lorca" ou "Galicia e Europa", que Otero Pedrayo pronunciou na Facultade de Filosofía e Letras da Universidade de Bos Aires o 22 de xullo de 1959 e que o Consello editou en formato audiolibro.
Os audios están dispoñíbeis na páxina do especial: consellodacultura.gal/especial.php?id=10558
