Unto Vello estrease co disco 'Inmaterial'

O dúo presenta os seus arranxos das melodías procedentes das recollidas de música tradicional

| Santiago. Redacción | Seccións: Música
Compartir:
Unto Vello estrease co disco 'Inmaterial'

O dúo Unto Vello constrúe o seu repertorio a partir das recollidas de música tradicional galega realizadas polos seus integrantes, ás que aplican arranxos propios con voz e instrumentación tradicional. No seu primeiro ano de traxectoria pasaron por escenarios como a Foliada da Fonsagrada ou o Ponte Farruca, ademais de seren finalistas nos Premios Martín Códax da Música na categoría de Música Tradicional. Agora o dúo formado por Bieito Pereira e Xabi Gómez veñen de estrearse na edición discográfica coa publicación de Inmaterial, un álbum que recompila cantares tradicionais recollidos por todo o país. 

O disco, que conta coa produción de Hevi (Laboratorio Soyuz), é o resultado dun intenso labor de investigación e reinterpretación do patrimonio inmaterial galego. En palabras dos artistas, as auténticas protagonistas do disco son "aquelas persoas que nos abriron un día a porta das súas casas e das que aprendemos todo o que está representado neste noso primeiro disco". Inmaterial, que sae e formato físico amais de estar xa dispoñible en plataformas dixitais, está composto por 12 temas que o dúo levou xa por distintos escenarios de Galicia ao longo do último ano. Entre eles, destacan as colaboracións dos Pandeireteiros do Fiadeiro, Saínza Piñeiro, Lina e Lola e Julia e Luz Divina. Na presentación en directo do álbum, o pasado 22 de marzo, Unto Vello colgou o cartel de cheo na Sala Capitol de Santiago de Compostela. 

Que che parece esta nova?
91 lecturas 0 reaccións

Cando valoras a nova, culturagalega.gal aprende para ofrecerche a ti e outros usuarios con gustos afíns máis contidos de interese.

Do mesmo ámbito

Universos

Claves