Premio Honorífico Martín Códax para Leilía

Músicas ao Vivo recoñece a súa labor de difusión do canto e a música tradicional durante tres décadas

| Santiago. Redacción | Seccións: Música
Compartir:
Leilía na promoción do seu espectáculo de despedida

Leilía na promoción do seu espectáculo de despedida

No ano no que o Día das Letras homenaxea á poesía oral popular e ás cantareiras, Músicas ao Vivo ven de anunciar a concesión do Premio Honorífico Martín Códax da Música 2025 a Leilía. Nome referente na música galega que transita do século vinte ao vinteún, o grupo nacido en 1989 en Santiago de Compostela, despedíase recentemente dos escenarios sendo as súas integrantes consideradas pioneiras na difusión da música e do canto tradicional. Músicas ao Vivo, entidade promotora dos Premios Martín Códax da Música, destaca como as Leilía abriron camiño a moitas artistas e agrupacións que viñeron detrás, e considera o recoñecemento a Leilía nesta 12ª edición dos premios como un tributo obrigado da comunidade artística no ano no que o 17 de maio, por segunda vez na súa historia, fai unha homenaxe colectiva, desta volta co recoñecemento ás cantareiras e á oralidade. O 28 de maio recollerán no Pazo da Cultura de Pontevedra o galardón honorifico dos Premios Martín Códax 2025, o recoñecemento da comunidade musical ao traballo feito, nun momento no que a oralidade e o canto tradicional, grazas en boa parte á andaina das Leilía, gozan de moi boa sáude entre as novas xeracións de artistas e públicos.

Tal e como recorda Músicas ao Vivo no seu comunicado, Ana Rodríguez, Patricia Segade, Mercedes Rodríguez, Montse Rivera, Felisa Segade e Rosario Rodríguez son as voces e pandeiretas de Leilía, a primeira agrupación de cantareiras que empezou a dar concertos en bares e pubs. Nos anos oitenta comezaron a ir polas aldeas a recoller aquel cancioneiro que pervive grazas á transmisión oral e foron construíndo o seu repertorio. Xotas, muiñeiras, alalás...as voces e pandeiretas de Leilía transmitiron ao público durante máis de tres décadas o papel das mulleres na conservación e transmisión do legado musical tradicional. As Leilía insistiron en moitas ocasións que sen as "informantes", aquelas mulleres que manteñen a tradición, o grupo non existiría. En pouco tempo, formaban parte de xiras e festivais que as levaron por toda a península pero tamén por escenarios internacionais: Alemaña, Polonia, Suíza, Finlandia, Holanda, Arxentina, Brasil, etc. 'Anque me vou, non me vou', a xira de despedida cos últimos directos nos anos 2023 e 2024 pecha un capítulo central na historia da música galega. En 1991 gañan o premio ao mellor grupo folk-tradicional na "II Mostra Cidade Vella" de Santiago de Compostela, e editan o primeiro disco, homónimo, en 1994, con gran repercusión, ao colocar a pandeireta no centro fronte ao predominio da gaita e da inspiración "celta" que marcaban a música galega naquela altura. Na súa nómina de galardóns e recoñecementos, en 2024, ano da despedida, reciben a Medalla Castelao polo seu papel clave na recuperación da música tradicional.

Que che parece esta nova?
73 lecturas 0 reaccións

Cando valoras a nova, culturagalega.gal aprende para ofrecerche a ti e outros usuarios con gustos afíns máis contidos de interese.

Do mesmo ámbito

Universos

Explorar o Universo desta nova

Descobre máis noticias relacionadas con Leilía, Santiago de Compostela, Poesía, Pazo da Cultura de Pontevedra...