O Museo de Pontevedra acolle a partir de mañá o IV Encontro de Museoloxía de ICOM, de carácter trienal, e que se celebrará baixo o título "Coleccións almacenadas: (re)definir e (re)organizar. O desafío da sustentabilidade medioambiental e social". O obxectivo é determinar que "as coleccións almacenadas nas nosas institucións e os espazos que as albergan precisan unha redefinición, a través do estudo de novos modelos das reservas dos museos e a redefinición das mesmas ao amparo de criterios de sustentabilidade medioambiental e social, que as doten de novos usos e de novos modos de relación entre as institucións museísticas". No programa participarán especialistas como Víctor Cageao, director das Coleccións Reais de Patrimonio Nacional ou María Bolaños, directora do Museo Nacional de Escultura en Valladolid. Nunha mesa galega, participarán Esperanza Gigirey, directora do Museo das Peregrinacións e de Santiago e Ángeles Tilve, directora do Museo de Pontevedra, sobre o pasado, presente e estratexias de futuro dos almacéns da institución, precisamente centro de debates políticos ao redor da súa ampliación.