A Universidade de Santiago e aCentral Folque homenaxean a Emilio Cao

O Paraninfo da entidade acolle a actividade este 15 de outubro

| Santiago. Redacción | Seccións: Música
Compartir:
A Universidade de Santiago e aCentral Folque homenaxean a Emilio Cao

O Paraninfo da Universidade de Santiago (USC) acolle ás 19 horas deste 15 de outubro a homenaxe Do vello Sinbad ao cantor da arpa. A institución académica, en colaboración con aCentral Folque artellan esta homenaxe ao músico Emilio Cao, pioneiro da arpa celta en Galicia falecido o pasado mes de maio.

A organización do evento lembra que Cao, nado en Compostela e a quen cualifica como "figura esencial na renovación do folk galego e pioneiro na incorporación da arpa celta ao panorama musical do país" foi alumno da USC e colaborou en diferentes actividades da entidade.

O acto contará con intervencións a cargo do Decano da Facultade de Historia, Antonio, de Federico López, do Departamento de Historia da Arte, e mais de Mateo Cao, familiar e realizador dunha peza audiovisual documental sobre Emilio Cao.

Canda a eles, nunha segunda mesa, poderá escoitar a Elías Torres, docente e amigo do homenaxeado, o músico Bieito Romero, a escritora e dinamizadora cultural Branca Novoneyra e Xavier Groba, musicólogo. A homenaxe fechará cun recital de arpa a cargo de Nuria de León, Bleuenn Le Friec e Manuel Vilas. O acceso é de balde ata completar as prazas dispoñibles.

Que che parece esta nova?
120 lecturas 0 reaccións

Cando valoras a nova, culturagalega.gal aprende para ofrecerche a ti e outros usuarios con gustos afíns máis contidos de interese.

Axuda a difundir a cultura galega

Do mesmo ámbito

Universos

Explorar o Universo desta nova

Descobre máis noticias relacionadas con Emilio Cao, aCentral Folque, Celta, USC...