Estudantes de arpa homenaxearán a Emilio Cao na décima edición do Noia Harp Fest

O festival dirixido por Rodrigo Ronmaní recoñece ao pioneiro do instrumento en Galicia

O vindeiro mes de agosto celebrarase a décima edición do Festival Internacional de Arpa Vila de Noia, o Noia Harp Fest, dirixido por Rodrigo Romaní. O programa suma dúas novas arpistas ao seu cartel, Elisabeth Cerra e Claudia Besné, e afianza o seu compromiso coa proxección e divulgación do instrumento a través dunha xornada de encontro entre o alumnado das escolas de arpa de Galicia na que se recoñecerá ao pioneiro en introducir o instrumento na música do país: Emilio Cao. O Noia Harp Fest é o único festival de Galicia e do noroeste da Península Ibérica que pon o foco na arpa, situándoa como única protagonista. No seu cartel conflúen desde hai unha década agrupacións e solistas de estilos moi diversos, procedentes tanto do ámbito galego ou estatal coma do internacional, mais todas elas unidas por un fío común: a interpretación musical a través da arpa.

No festival teñen cabida tanto as persoas amadoras ou que se están a iniciar na práctica do instrumento, como é o caso do alumnado de arpa das escolas de Galicia, como aquelas cunha ampla ou recoñecida traxectoria. É o caso da irlandesa Laoise Kelly, ou mesmo doutras voces que experimentan co instrumento desde unha vertente máis experimental, como a catalá Müsgo. Nesta edición do festival, renderase homenaxe, na xornada inaugural, ao pioneiro que introduciu por vez primeira a arpa na música feita en Galicia: Emilio Cao. Farase a través da interpretación da súa peza 'O vals do mencer', arranxado especificamente para a ocasión, por parte das e dos estudantes de arpa no país, que abrirán o festival o xoves 3 de agosto.

Outra das novidades é a incorporación ao cartel do Noia Harp Fest de dúas arpistas integrantes da Joven Orquesta Nacional de España (JONDE): Elisabeht Cerra e a vasca Claudia Besné, membro tamén da Neue Philharmonie Munchen, esta última será a solista da estrea mundial de Hibrys, a gañadora da primeira convocatoria do Premio Portus Apostoli e que interpretará a Real Filharmonía de Galicia o sábado 5, ás 21:30 horas, na Praza do Tapal. Ambas participarán no concerto-homenaxe a Nicanor Zabaleta (sábado 5 de agosto) organizado coa colaboración da Asociación Española de Arpistas (AEDA). A cita, que terá lugar a partir das 19.00 horas no Teatro Coliseo Noela, estará guiada pola arpista galega Alba Barreiro, que guiará ao público pola vida e obra de Zabaleta. O Noia Harp Fest tamén acollerá a presentación pública das suites Micelio, de Anxo Pintos, e que contará coa violinista Begoña Riobó, e Escumas Atlánticas, de Rodrigo Romaní, na que participarán Laoise Kelly, Mary Macmaster e Beatriz Martínez. Ambas pezas, interpretadas por SonDeSeu, poderanse escoitar o domingo 6 de agosto, a partir das 21:30 horas, na Praza do Tapal. A última xornada da décima edición do Noia Harp Fest comezará ás 19.00 horas do domingo 6 de agosto cun concerto da arpista, cantante e artista multidisciplinar Musgö, especialista en looping ao vivo e arpa eléctrica. O seu traballo é unha mestura de contemporáneo e vintage, cunha posta en escena atrevida e elegante que se poderá ver no Teatro Coliseo Noela.
Ligazóns