O coruñes Teo Montero gaña o Premio Internacional de Composición Portus Apostoli

A Real Filharmonía de Galicia estrará a súa peza 'Alén do azul' no Noia Harp Fest

| Santiago. Redacción | Seccións: Música
Compartir:
O compositor e pianista coruñés Teo Montero Rey

O compositor e pianista coruñés Teo Montero Rey

A IV edición do Premio Internacional de Composición Portus Apostoli, convocado polo Festival Internacional de Arpa Vila de Noia, xa ten obra gañadora. O xurado outorgou a distinción á creación Alén do azul, do compositor coruñés Teo Montero Rey (A Coruña, 2005) . O galardón, que conleva unha achega económica de 4.000 euros, suporá tamén a estrea absoluta da obra durante a celebración da 13ª edición do Noia Harp Fest, que decorrerá do 29 de xullo ao 1 de agosto,  da man da Real Filharmonía de Galicia.

O Premio Portus Apostoli é un certame innovador, posto en marcha no ano 2021 polo Noia Harp Fest -o único festival do noroeste peninsular dedicado ao instrumento-, que pretende ampliar o repertorio existente para de obras para arpa e orquestra. Nesta cuarta edición, convocada o pasado mes de maio, o concurso recibiu un total de nove propostas, todas elas chegadas de cinco países europeos e de Estados Unidos. 
 

  O tribunal, conformado polo compositor Fernando Buide -que exerceu de presidente do xurado-, o director de orquestra Fernando Briones, a arpista da OSG Céline Landelle e a arpista Alba Barreiro -como secretaria sen voto-, decidiu declarar gañadora a obra de Montero Rey "pola súa escritura orquestral, moi sólida e orgánica, con texturas interesantes e contrastes instrumentais". "A parte de arpa é moi variada e utiliza técnicamente moi ben o instrumento. Estruturalmente conta cunha boa narrativa musical, unha cadencia de arpa e un clímax orquestral constrúen un arco dramático final moi coherente", apunta o xurado do Portus Apostoli. Teo Montero Rey é compositor e pianista que estudou no CMUS de Culleredo e no Conservatorio Superior de Música ‘Eduardo Martínez Toner’ do Principado de Asturias.

Que che parece esta nova?
148 lecturas 0 reaccións

Cando valoras a nova, culturagalega.gal aprende para ofrecerche a ti e outros usuarios con gustos afíns máis contidos de interese.

Ligazóns externas

Do mesmo ámbito

Universos

Explorar o Universo desta nova

Descobre máis noticias relacionadas con Noia, Teo, Real Filharmonía de Galicia, A Coruña...