O Quiosco Alfonso da Coruña acolle desde hoxe a exposición EMIGRANTAS: EMERXER DO SILENCIO, organizada polo Consello da Cultura Galega, que poderá visitarse ata o 3 de maio. O percorrido propón un diálogo entre arquivos históricos e a creación contemporánea, animando a escoitar, mirar e deter a atención nos relatos que emerxen ao longo da visita.
A mostra comisariada por Antía Pérez Caramés, Keina Espiñeira e María Alonso Alonso, co deseño expositivo de Uqui Permui, recupera e visibiliza as historias da emigración das mulleres galegas. A través de arquivos históricos, instalacións artísticas, fotografías, materiais audiovisuais, cartas, obxectos e voces gravadas, a mostra percorre as múltiples formas de partir, vivir, traballar, resistir e regresar destas mulleres que abriron camiños vitais, culturais e políticos alén das fronteiras.
A exposición pon o foco nas experiencias cotiás e colectivas das emigrantas: o traballo, a aprendizaxe, a organización social, os coidados, a escrita e a memoria transmitida. Ao tempo, recoñece o labor das investigadoras, historiadoras e creadoras que fixeron emerxer estas voces. A inauguración terá lugar hoxe ás 19:30 horas contando coa presenza da Presidenta do Consello da Cultura Galega, Rosariuo Álvarez, e a alcaldesa da Coruña, Inés Rey.
