O XII Noia Harp Fest homenaxea a Emilio Cao na súa foliada inicial

O encontro dedicado á arpa acolle trece actuacións entre o 30 de xullo e o 2 de agosto

Un total de trece actuacións de balde compoñen o programa da duodécima xeira do Noia Harp Fest, que abre este día 30 cunha actuación de Alba Barreiro e Fernando Raña ás 19 horas. Non entanto a grande inauguración será ás 22 horas da man da Banda do Noia Harp Fest, agrupación composta por intérpretes de todo o país.

Nesta actuación, Rodrigo Romaní, presidente da asociación que organiza o festival, fará unha pausa do seu retiro como intérprete para render unha homenaxe musical a Emilio Cao, cunha suite que recolle algúns dos temas máis significativos do autor, recentemente falecido.

O programa desenvólvese ata o vindeiro 2 de agosto e continuará cunha xornada especial o día 7 coa estrea Cuatro historias gallegas. Esta peza, que se fixo co III Premio Portus Apostoli, é unha creación de Federico Beilison que contará coa Real Filharmonía de Galicia, baixo a dirección de Sebastian Zinca, e con Claudia Besné e Francesca Romana Di Nicola como solistas. Canda a isto a xornada amosará a peza Folías Celtas, composta polo uruguaio Gabriel Bussi, canda a pezas de Claude Debussy e Maurice Ravel.

O evento contará ademais con Ana Crismán, considerada a intérprete de arpa flamenca máis importante a nivel internacional, Bleuenn Le Friec, que actuará acompañada por Faia e Uxía, DiSúpeto, Juliette Commeaux, ou Kevin Le Pennec gañador do World Harp Competition 2024. Canda a eles, Laia Blasco, Noela Cotuna, Quico Comesaña, Rebecca Hill & Charlie Stewart e Yofre Brito Rivera.