Alana fan unha homenaxe ás mulleres que gardaron a tradición musical no seu novo disco

'Un saber', é o título do seu segundo traballo discográfico dispoñible desde hoxe en todas as plataformas dixitais

| Santiago. Redacción | Seccións: Música
Compartir:
Alana fan unha homenaxe ás mulleres que gardaron a tradición musical no seu novo disco

No seu segundo LP o trío integrado por Antía Vázquez, Eloy Vidal e Pablo Castro explora os ritmos da tradición oral, sen perder a súa xa característica base electrónica e pop, nun disco de evolución, ritmicamente diverso. O título serve de homenaxe ao saber popular das señoras, as informantes nas recollidas de tradición oral, buscando sempre non perder de vista esas raíces. A Sala Capitol de Compostela acollerá o concerto de presentación deste disco de Alana o sábado, 18 de abril, ás 21.30hrs.

Para este traballo conformado por quince temas o trío conta coas colaboracións de Pan.Sen.Fron, Guillerme Fernández, Casapalma, Galician Army, Charanga Benofán, Andrés Boutureira e Bieito Pereira, mentres que a posta en escena dis directos corre a cargo das escenógrafas e iluminadoras As dúas e punto. O proxecto de Alana preséntase como algo novo, fresco e diverso, cunha potente posta en escena e unha importante vinculación coa tradición e o baile; unha proposta que parte das recollidas e mestura a música tradicional con ritmos de base electrónica, nunha coidada produción musical. 

 

Con este novo traballo discográfico, Alana reflicte o seu cambio vital e amosa, tamén, unha continuidade, desde aquel O xeito á Cántigha, a súa primeira e festexada ópera prima. Agora, a banda regresa con máis forza se cabe, e coas mesmas gañas de seguir facendo o que máis lles apaixona: “Desde o noso primeiro disco, houbo moitos cambios en nós, tanto a nivel profesional como a nivel persoal, e pensamos que o disco reflexa este cambio. Pero é, tamén, unha continuación: queremos que sexa un disco que transmita o ben que o pasamos facendo música; un disco para bailar, cantar, gozar e, se cabe, emocionar”. A nivel rítmico o disco explora gran parte dos ritmos da nosa tradición oral nesa homenaxe ás mulleres informantes que mantiveron viva a música tradicional. 

 

O marcado estilo persoal da banda levounos a compartir escenario con artistas como Rodrigo Cuevas e a participar nalgunhas das principais citas musicais galegas, como o Atlantic Pride ou o Festival Internacional do Mundo Celta de Ortigueira; pero, tamén, en programacións noutros lugares da Península Ibérica e de Europa, formando parte de espazos como o Festival Interceltique de Lorient (Francia) ou o Terra fest de Genève. No seu primeiro ano de vida foron gañadores do Premio Xuventude Crea na categoría de música, gañadores do concurso de bandas do Festival Internacional do mundo celta de Ortigueira, no que tiveron a ocasión de tocar en dous anos consecutivos, finalistas como mellor proxecto de folk nos Premios da música galega Martín Códax e semifinalistas como mellor álbum en galego nos Premios MIN. 

Que che parece esta nova?
54 lecturas 0 reaccións

Cando valoras a nova, culturagalega.gal aprende para ofrecerche a ti e outros usuarios con gustos afíns máis contidos de interese.

Axuda a difundir a cultura galega
Ligazóns externas

Do mesmo ámbito

Universos

Claves