Mondra publica o seu agardado novo álbum

O artista presentará 'DE RONDA' en concerto este sábado en Santiago

| Santiago. Redacción | Seccións: Espectáculos
Compartir:
Mondra publica o seu agardado novo álbum

Desde hoxe xa está dispoñible en plataformas dixitais 'De ronda', o segundo traballo discográfico de Mondra. O novo disco do cantareiro e bailador chega dous anos despois do seu debut con 'ARDĒN' (Altafonte, 2023), un traballo que recibiu numerosos recoñecementos e que impulsou ao artista á primeira liña da escena musical galega, sendo quen de recibir o Premio Martín Códax ao Mellor Álbum de Electrónica 2024, ou o Premio Mestre Mateo ao Mellor Videoclip 2025 por 'MARIMONDRA'. A sexualidade, o amor propio, a celebración, a comunidade e o valor da mocidade son os temas que atravesan as 11 cancións cheas de irreverencia e desenfado. Segundo a proposta trátase de "11 estados do corpo" nos que aborda "a sedución, seducir ou ser seducido", e nos que Mondra presenta un novo son, orgánico e fresco da man da produción musical de Hevi en Laboratorio Soyuz sen perder o seu diálogo constante con elementos propios da tradición oral galega.

Tras avanzar en vídeo xa tres dos temas, e como preámbulo á saída do disco, Mondra levou a cabo este pasado sábado en Santiago de Compostela un percorrido por distintos establecementos da cidade, interpretando en cada un deles un dos temas do disco 'DE RONDA'. Agora tras a publicación do traballo da man de Altafonte, o sábado 10 de maio, o artista presentará o disco e o seu novo espectáculo ao vivo preparado para xira, baixo a dirección artística de Daniel Rodríguez, na Sala Capitol de Santiago de Compostela. Sobre o escenario, Mondra estará acompañado por Artur Puga, Julia Sánchez-Biezma, Xabi Gómez e Saínza Piñeiro, que conforman a banda, e Sabela Domínguez e Jandros Rodríguez, como intérpretes de danza.

Que che parece esta nova?
217 lecturas 0 reaccións

Cando valoras a nova, culturagalega.gal aprende para ofrecerche a ti e outros usuarios con gustos afíns máis contidos de interese.

Axuda a difundir a cultura galega
Ligazóns externas

Do mesmo ámbito

Universos

Explorar o Universo desta nova

Descobre máis noticias relacionadas con Mondra, Tradición oral, Sabela, Danza...