Cristian Silva avanza no seu estilo con 'Un home tranquilo'

O segundo disco en solitario do gaiteiro de Carril afonda na súa fusión de xéneros

Dez anos pasaron desde o seu disco de debut en solitario, 'Ego' (2015), e Cristian Silva ven de presentar un segundo álbum tras do que hai cinco anos intensos de preparación. O gaiteiro, acordeonista e percusionista de Carril recolle en 'Un home tranquilo' (Inquedanzas Sonoras, 2025) dez temas nos que arredor da gaita, a zanfona eléctrica ou da frauta, tece un lenzo no que a tradición busca os reflexos da contemporaneidade máis absoluta, deixando que o eléctrico e o acústico, o propio e o alleo, dialoguen sen constrición de xénero previa, introducindo bases electrónicas e instrumentos diversos. Como xa ofrecera no seu primeiro traballo, o músico deixa sitio para un pop-rock do estilo 'indie', sen perder de vista outras influenzas, sempre sobre a base da súa formación tradicional. Gravado entre Galicia e Madrid, para Un home tranquilo, Silva contou con músicos como Miguel Lamas, Niño Bruno, Pablo Pérez, Xosé Miguélez, Antonio Rodríguez, Adrián Saavedra ou Ana Fernández, e a colaboración especial do grupo de Caldas, IGLOO. O disco está dispoñible en plataformas dixitais, así como en fomatos físicosd e CD e vinilo. Silva presentará en directos este traballo o vindeiro 12 de outubro na Sala Capitol de Santiago.