O grupo de investigación dx5 da Universidade de Vigo promove as xornadas Autoedición etc. A Facultade de Belas Artes de Pontevedra acolle este encontro que repasará os días 13 e 14 de abril o estado desta actividade no noso país, cunha especial atención ás propostas vencelladas á banda deseñada e á ilustración. Esta é a primeira edición dunha iniciativa para afondar na escena do fanzine en Galicia, que segundo a organización "é realmente potente" no conxunto do Estado.
Os docentes Miguel Cuba e José Andrés Santiago coordinan unha proposta que comeza o seu programa cun obradoiro de Yeyei Gómez sobre o potencial do cadriño como xeito de contar a realidade. Esta acción formativa compleméntase o día 14 con outro obradoiro a cargo de Martínez López Lam centrado na creación dunha historia colectiva sobre detalles cotiáns.
Os dous autores impartirán tamén cadansúa conferencia no marco das xornadas, a falar López Nam sobre Habitar la extrañeza, e Gómez a tratar a autoedición como proceso creativo. Miguel Cuba, á súa vez, fará un repaso polo panorama da autoedición en Galicia. Para o día 14 intervirán nas xornadas Bernal Prieto, responsable do encontro de autoedición Autobán da Coruña, cun relatorio sobre os procesos colectivos neste campo. Uxía Larrosa, pola súa banda, reflexionará sobre os usos pedagóxicos do fanzine e Berto Fojo falará de Scenius: Unha traxectoria a través do proxecto colectivo a fechar a iniciativa.


