A RAG presenta Begoña Caamaño: navegar no pracer do azul

O documental sobre a protagonista do Día das Letras está dispoñible no Youtube da entidade

| Santiago. Redacción | Seccións: literaturaaudiovisualDía das Letras Galegas 2026
Compartir:
A RAG presenta Begoña Caamaño: navegar no pracer do azul

Damián Varela Pastrana e Alba López Álvarez asinan a dirección e o guión de Begoña Caamaño: navegar no pracer do azul, o documental co que a Real Academia Galega conmemora a homenaxeada polo Día das Letras Galegas. Realizado por Miramemira, o filme repasa a traxectoria e o legado da autora a través de testemuños de persoas que a acompañaron. A peza inclúe ademais recreacións de pasaxes de obras da autora.

Beatriz Caamaño, irmá da homenaxeada, amigas e compañeiras como Maika Aguado ou Amanda Álvarez, a académica Ana Romaní; o académico e editor Víctor F. Freixanes, a crítica literaria María Xesús Nogueira ou a especialista en Historia Antiga Susana Reboreda dan conta da figura de Begoña desde as súas diferentes perspectivas. A estes testemuños súmanse os de Amanda Álvarez, Ana Romaní, Suso do Dezaseis, Faia Díaz, Andrea Nunes Brións e Uxía Senlle. A estes contidos engádense as olladas da mocidade hoxe en relación cos grandes temas da obra literaria da homenaxeada, o seu exercicio como xornalista comprometida coa honestidade e a defensa da lingua galega e mais o seu activismo. 

O documental amosa ademais pezas dramatizadas cos personaxes creados pola autora da man de Lucía Costas Pérez, Sabela Pereira Rodríguez, Alba Rocha, Daniel Vicente Ferreira e Julio Alonso Rodríguez, alumnado da Escola Superior de Arte Dramática de Galicia, e mais da bailarina Elsa Pereira, que se transforma en Morgana acompañada da narración na voz da propia Begoña Caamaño.  
 

Logo de o publicar na rede o día 9 de abril, a RAG presentou o día 10 esta produción no IES Alexandre Bóveda de Vigo, onde estudou o bacharelato a protagonista do Día das Letras Galegas 2026. O proxecto contou co apoio económico da Deputación da Coruña, a Xunta de Galicia e o Ministerio de Ciencia, Innovación e Universidade.

 

 

Que che parece esta nova?
57 lecturas 0 reaccións

Cando valoras a nova, culturagalega.gal aprende para ofrecerche a ti e outros usuarios con gustos afíns máis contidos de interese.

Axuda a difundir a cultura galega

Do mesmo ámbito

Universos

Claves