A RAG pon na rede a súa webserie sobre Luísa Villalta

A rebelión da palabra conta con seis episodios que trazan un retrato coral da homenaxeada no Día das Letras

<i>A rebelión da palabra</i> conta con seis episodios que trazan un retrato coral da homenaxeada no Día das Letras
A canle de Youtube da Real Academia Galega acolle, desde este 10 de abril, os seis episodios de Luísa Villalta: a rebelión da palabra. Esta serie documental sobre a homenaxeada no Día das Letras Galegas de 2024 conta con dirección de Damián Varela Pastrana con guión de Alba López Álvarez, e achega un retrato coral sobre a poeta, narradora, ensaísta e articulista coruñesa da man vinte voces entre familiares e persoeiros da cultura do país.

A serie conta cos testemuños de María Gómez e Susana Villalta, nai e irmá da homenaxeada ou de Rubén Anido e Manuel Pérez, alumnos de Luísa Villalta no IES Isaac Díaz Pardo de Sada. Canda a eles, as voces de autoras e autores que a coñeceron de preto e outras amizades e persoas que estudaron ou editaron parte da súa obra completan este proxecto. Pilar Pallarés, Marga do Val, Ana Pillado, Xurxo Souto, Xosé Luís Martínez Pereiro, Estíbaliz Espinosa, Xosé María Álvarez Cáccamo, Eva Veiga, Miguel Anxo Fernán-Vello, Ana Romaní, Maribel Longueira, Francisco X. Fernández Naval, Armando Requeixo, Alexandrina Fernández Otero, Inma Otero, Pilar García Negro, Margarita Ledo, María Xosé Bravo, Susana Sanches Arins, Lorena Conde e Inés Salvado son outros nomes que participan na produción.



A webserie, que supón case dúas horas de documental, é a cuarta proposta deste tipo desenvolvida desde a RAG polo Día das Letras Galegas, e segundo o presidente da entidade, Víctor F. Freixanes, "é seguramente a produción máis ambiciosa, cun marcado ton autoral e artístico, moi acorde coa figura homenaxeada". A produtora Miramemira foi de novo a firma escolleita para realizar este retrato audiovisual da homenaxeada.

Canda aos testemuños a narración deste proxecto compleméntase con contribucións artísticas do ámbito da poesía, a música e as artes escénicas, a incluír recitados, música, danza e mesmo unha adaptación da montaxe Os doces anos da guerra da propia Villalta.

A banda sonora conta coa violinista da Real Filharmonía de Galicia Kiyoko Ohashi, Óscar Silva e o dúo compostelán de electrónica-soul Aparato (Chus Silva e María Caramés), que avanza na serie o tema Amor disxunto, no que lle pon música a un poema do poemario Música reservada, de Villalta.