A AELG celebra a XVIII Xornada de Literatura de Tradición Oral en Lugo

A entidade organiza este venres 24 a Gala dos Premios Mestras e Mestres da Memoria na mesma cidade

A tradición oral protagoniza a axenda da Cidade da Muralla ao longo desta fin de semana. A Sección de Literatura de Tradición Oral da Asociación de Escritoras/es en Lingua Galega celebra este sábado 25 a XVIII Xornada de Literatura de Tradición Oral e organiza, na tarde do venres 24, a gala na que entregará os Premios Mestras e Mestres da Memoria ao Equipo Chaira e mais a María da Vrea.

A gala, que se celebra a partir das 18 horas no Centro Cultural O Vello Cárcere participarán Cesáreo Sánchez Iglesias, presidente da AELG, Calros Solla, que lerá a laudatio de María da Vrea, e Xosé Miranda, quen fará a laudatio do Equipo Chaira. Lois Pérez conducirá o evento, que contará co compañamento musical de Sés e a intervención de María da Pontragha. O acto terá entrada libre até completar capacidade.

Para este sábado 25, a XVIII Xornada de Literatura de Tradición Oral aborda no Salón de Actos da Deputación de Lugo "As narrativas no ano da oralidade das mulleres", no marco da XVIII Xornada de Literatura de Tradición Oral. No programa, Adrián Méndez falará sobre "Da polavila á escena: recollida, creación e difusión", Almudena Falcón abordará "a regueifa no ensino: a oralidade como catalizador na mocidade" e Tereixa Novo, integrante de Fuxan os Ventos, impartirá a palestra "o valor da palabra, sempre e mais despois". Os tres relatores participarán nunha mesa redonda arredor de "A oralidade das cantareiras: Fonte de inspiración e recursos na escena cultural e musical".

Durante a tarde, Lois Toirán tratará da radio escolar como ferramenta para traballar o Patrimonio Inmaterial, Ana Cabana explicará o caso o arquivo oral Terra e memoria e a pegada das voces das mulleres neste fondo. Finalmente, Branca Villares tratará "a patrimonialización da memoria intrafamiliar" a través das recolleitas. A mesa redonda nesta xeira centrarase no valor dos arquivos e a súa difusión arredor da oralidade das cantareiras. A xornada finalizará coa sesión práctica: "Cantareiras: o poder da poesía do pobo" da man de Jara Ortiz.