A nova edición de Kosmópolis 25 conta con destacada presenza galega

Berta Dávila, Yolanda Castaño, Mercedes Peón e Ismael Ramos entre os convidados

Berta Dávila, Yolanda Castaño, Mercedes Peón e Ismael Ramos entre os convidados
Esta fin de semana o Centre de Cultura Contemporània de Barcelona (CCCB) acolle o festival internacional de literatura amplificada Kosmópolis 25. En colaboración co Consello da Cultura Galega, o festival inclúe destacada presenza galega baixo a proposta "Galicia no centro", e conta con conversas, recitais e concertos que "poñen en valor a vitalidade e a proxección internacional da creación galega contemporánea".

O programa "Galicia no foco" ábrese esta tarde coa conversa Apegos feroces, que reúne á escritora e editora Berta Dávila, á cineasta Carla Simón e ao guionista Eduard Sola, moderados polo xornalista David Guzmán. O encontro explorará a complexidade das relacións humanas —familia, amizade, parella— como fonte de creación artística e reflexión emocional. A través do diálogo entre literatura e cinema, as e os participantes abordarán como a intimidade e os vínculos persoais se transforman en materia narrativa e audiovisual.

"Galicia no foco" continuará mañá sábado con novas propostas que amosan a diversidade e a forza da cultura galega actual. Pola mañá, baixo o título Ficcións e disidencias, participarán María Reimóndez, Sara Guerrero e Blanca Llum Vidal, moderadas por Helena González. As tres autoras compartirán unha reflexión sobre as identidades disidentes e os espazos de resistencia cultural, a partir das súas experiencias e obras. As súas voces, comprometidas coa diversidade, o feminismo e o anticolonialismo, propoñen novas formas de entender a pertenza, o corpo e a lingua como ferramentas de transformación social. Pola tarde terá lugar o encontro "Galicia: latitude radical", con Yolanda Castaño, Mercedes Peón e Berta Dávila, moderado por Berta Ares. "Galicia: latitude radical", un encontro con Yolanda Castaño, Mercedes Peón e Berta Dávila, moderado pola xornalista Berta Ares. A conversa abordará o momento actual da cultura galega, o seu proceso de internacionalización e o papel das creadoras que, desde a poesía, a música e a narrativa, están a renovar a imaxe de Galicia no contexto global. As participantes analizarán a tradición literaria encabezada por Rosalía de Castro, a presenza das mulleres como motor creativo e a forza dunha lingua que, dende a periferia, conquista espazos de centralidade.

O programa culminará o domingo 26 cunha "Festa rachada", unha tarde de poesía e música que reunirá sobre o escenario a Yolanda Castaño, Ismael Ramos e Mercedes Peón, acompañada por Ana Fernández, Mónica de Nut e coa colaboración audiovisual da bailarina Janet Novás, recente premio nacional de danza. A celebración incluirá un recital poético das dúas voces máis representativas da poesía galega actual, seguido do espectáculo Deixaas de Mercedes Peón, unha experiencia sensorial na que tradición e vangarda conviven para construír un potente diálogo entre memoria, corpo e sonoridade contemporánea.