fiot 2025
A Xunta de Galicia ven de resolver a concesión das subvencións a festivais profesionais de artes escénicas, polas que a través da AGADIC distribúense este ano 290.000 euros entre 13 citas. A convocatoria de 2026 incrementou nun 3,5 % a dotación destinada a estes eventos respecto da partida disposta en 2025 e mantivo entre os seus requisitos a celebración de cando menos dúas edicións anteriores, a programación mínima de seis compañías e unha aposta significativa pola contratación artística galega, entre outros criterios.
A 43ª Mostra Internacional de Teatro Cómico e Festivo de Cangas, que xa ten anunciada a súa vindeira celebración do 21 de xuño ao 5 de xullo, convértese no encontro que recibe a maior achega, con 55.388 euros, mentres que o 35º Festival Internacional Outono de Teatro (FIOT) de Carballo, que centra cada ano a maior parte da súa carteleira no mes de outubro, contará con 47.311 euros. A través destas axudas, os orzamentos autonómicos subvencionan tamén tres festivais de teatro de monicreques: o XXXI Festival Internacional Galicreques de Santiago de Compostela, que se celebrará en outubro e recibe 37.210 euros; o XI Titiriberia de Rianxo, que se desenvolve en agosto e contará con 20.509 euros da Xunta; e o XXVII Festival Internacional de Títeres de Redondela. Memorial Juanjo Amoedo, que recibirá 24.145 euros para a súa nova edición vindeiro mes de maio.
Entre as propostas tamén figuran o XI Festival Singular. Festival Internacional do Monólogo Teatral de Narón, con 24.704 euros, celebrado o pasado mes de marzo; o Festival Internacional de Teatro de Ourense (FITO), con 20.037 euros, que volverá a atoparse co público en outubro; e o Imperdible Festival Internacional de Impro, con 19.147 euros, que adoita programarse ao longo dos meses de setembro e outubro en Santiago de Compostela.
Na listaxe de mostras escénicas que contarán con este apoio por parte da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude aparecen igualmente a danza, a través do Festival Danza no Claustro, con 8.775 euros, que na súa última edición se desenvolveu entre finais de xullo e comezos de agosto en espazos patrimoniais da provincia de Ourense, concretamente nos mosteiros de Melón, Nogueira de Ramuín e Xunqueira de Espadanedo; o circo, representado polo Festaclown Vilagarcía 2026, con 13.875 euros, cita que volverá celebrarse no mes de agosto; e outras propostas como o Festival Desfoga de Cambados, con 6.189 euros, que na súa edición máis recente tivo lugar na primeira semana de outubro. Completan a relación a Mostra de Teatro Galego de Cariño, con 5.560 euros, que celebrará a súa próxima entrega do 3 ao 9 de agosto, e o Sacra Festival, con 7.146 euros, proposta multidisciplinar que vén acontecendo tamén no mes de agosto na Ribeira Sacra chantadina.


