A Xunta adxudica axudas para 21 festivais de artes escénicas ou musicais

Promoción Económica da deputación da Coruña lanza unha nova liña de subvencións para festivais de iniciativa privada

A Xunta de Galicia acaba de facer pública a adxudicación de 550.000 euros en subvencións a 34 festivais, 21 de música e 13 de artes escénicas, a partir da convocatoria anual de axudas coa que a Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades contribúe á organización de eventos considerados estratéxicos nos seus respectivos ámbitos. Do orzamento, superior en 10.000 euros ao do anterior ano, 350.000 euros irán para a categoría musical e distribúense entre 21 citas, dúas máis que o ano pasado, das que cinco se estrean en 2022 como beneficiarias desta liña de apoio. En canto á modalidade para encontros de artes escénicas, este ano subvenciónanse 13 mostras, catro máis que en 2021, entre as que se reparte un fondo de 200.000 euros. Ademais disto a Deputación da Coruña ven de convocar unha nova liña de axudas para festivais musicais de empresas privadas.

Os novos eventos musicais que se incorporan este ano como receptores das axudas públicas da Xunta son o festival Música na Rúa de Escairón con 15.879 euros; Ouren Sound de Ourense con 11.657 euros; Nachiños Fest de Ferrol con 11.484 euros; Barbeira Season Fest de Baiona con 10.556 euros e Loro Facu de Miño con 3795 euros. Completan a relación dos 21 festivais de música beneficiarios o Resurrection Fest de Viveiro con 38.139 euros; Festival SonRías Baixas de Bueu con 31.290 euros; PortAmérica en Portas e Caldas de Reis con 28.132 euros; Atlantic Fest de Vilagarcía de Arousa con 27.063 euros; Festival de la Luz de Boimorto con 26.749 euros; Revenidas de Vilaxoán (Vilagarcía) con 26.276 euros; Maré. Músicas e Artes Atlánticas de Santiago de Compostela con 24.897 euros; Festival Sinsal Son Estrella Galicia na Illa de San Simón (Redondela) con 16.759 euros; WOS Festival en Santiago con 16.516 euros; Vive Nigrán con 14.615 euros; Festival 17º Ribeira Sacra con 11.771 euros; Morrasound Festival en Moaña con 11.193 euros; Underfest Son Estrella Galicia de Vigo con 10.962 euros; Festival dos Eidos en Folgoso do Courel con 5205 euros; MelonaFest de Santiago con 4191 euros e Canteira Fest de Vilaboa con 2867 euros. Ademais destas achegas, a través da marca FEST Galicia a Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades complementa tamén fai outras inxeccións económicas a festivais que funcionan de xeito profesional.
Mostras escénicas
No relativo a encontros de artes escénicas, hai nesta categoría cinco novas incorporacións respecto ás convocatorias anteriores: Titiriberia de Rianxo con 17.003 euros; Desfoga de Cambados con 5707 euros; Castelo Conta en Culleredo con 4614 euros; Cartografía en Movemento en Lugo con 2866 euros e Danza no Claustro en diferentes mosteiros ourensáns con 2565 euros. A contía restante distribúese entre a Mostra Internacional de Teatro Cómico e Festivo de Cangas (42.434 euros); Festival Internacional Outono de Teatro de Carballo (39.139 euros); Festival Internacional Galicreques de Santiago (28.481 euros); Festival Internacional de Teatro de Ourense (22.414 euros); Festaclown de Vilagarcía (12.389 euros); Singular Festival Internacional do Monólogo Teatral en Narón (10.141 euros); Mostra de Teatro Galego de Cariño (8227 euros) e Festival Internacional de Títeres de Redondela. Memorial Juanjo Amoedo (4012 euros). A relación complétase co apoio específico á Mostra Internacional de Teatro de Ribadavia, a través da sinatura dun convenio de colaboración que lle recoñece a este encontro o seu relevante papel no sistema teatral galego e que no pasado ano 2021 supuxo un orzamento de 60.000 euros.

Nova liña para festivais de Deputación da Coruña
Ademais disto coincidindo no tempo, a Deputación da Coruña, a través do departamento de Promoción Económica, presentou a convocatoria dunha nova liña de axudas destinadas a entidades privadas para apoiar a celebración de festivais que axuden a potenciar o sector cultural, manter o emprego, e a reactivar a economía dos concellos onde se celebren. A Deputación destinará 120.000 euros a este fin, aínda que poderá ampliar a contía máxima dos créditos dispoñibles para esta convocatoria no caso de existir crédito adecuado e suficiente. As entidades poderán optar en concorrencia competitiva a un máximo de 24.000 euros e o importe total das axudas públicas concedidas para o mesmo obxecto non pode superar o 80% do orzamento de gastos. Poderán optar á subvención, segundo as bases, aqueles festivais musicais con identificación e marca propia e recoñecible, programación diversa que aglutine diferentes propostas artísticas, organizado periodicamente, con data de celebración consolidada e orientada á consecución de públicos amplos ao redor dunha proposta de contidos coherente e definida. Estas axudas xa se poden solicitar desde a súa publicación o pasado mércores 22 de xuño.