A Agadic mantén as axudas a festivais de música en 80.000 euros

O DOG publica a convocatoria destas axudas para eventos que se desenvolvan entre novembro e 2025 e outubro de 2026

Por segundo ano consecutivo, as subvencións a festivais de música que convoca anualmente a Axencia Galega das Industrias Culturais contarán unicamente con 80.000 euros de orzamento. O Diario Oficial de Galicia publicaba este 28 de novembro a convocatoria, que está aberta ata o vindeiro 29 de decembro.

En 2024, a entidade reducira a contía que dedica a este fin dos 360.000 euros á actual, e reforzou pola contra o apoio ao patrocinio deste tipo de eventos mediante a adhesión á marca Fest Galicia. Na actual convocatoria, as axudas distribúense por igual en dúas anualidades e cobren ata o 90% do orzamento subvencionable de cada evento, cun límite de 12.000 euros por solicitude.

Para optar a estas axudas festivais deberán contar cun mínimo de dúas convocatorias realizadas, e poderán realizarse entre o 1 de novembro de 2025 e o 31 de outubro de 2026. Outros requisitos da convocatoria son ter un orzamento mínimo de 38.000 euros, destinar un 30% do mesmo á contratación artística, sumar un mínimo de cinco grupos e contar cun 80% de concertos con entradas de pagamento.