Festival The Wild
A Xunta ven de resolver a convocatoria de subvencións de 2026 para o fomento da contratación de música galega nos festivais profesionais, a liña de axudas actual para estes eventos ademais dos patrocinios que son máis cuantiosos. Nesta convocatoria distribúense 80.000 euros dirixidos a que 47 bandas e artistas do país formen parte das carteleiras de oito eventos.
A través desta liña específica de apoio da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude nacida en 2024 e que se mantén coa mesma dotación desde entón, incorpóranse por primeira vez como beneficiarios os festivais Asalto ao Castelo de Vimianzo, Castañazo, Castelo Rock, Electrofauna e Festival Alternativo Millo Verde. Repiten como festivais apoiados o Ateneo Barroco, Encordass Fiddle Fest e The Wild Fest.
Estas axudas do Goberno galego teñen como finalidade incrementar a presenza da música producida en Galicia nos festivais que se celebren ata o 31 de outubro deste ano e reforzar o tecido profesional do sector, apoiando programacións con traxectoria e capacidade de xestión. As bases tiñan establecido, entre outros requisitos, que os certames candidatos contaran con cando menos dúas edicións anteriores, unha duración mínima de dous días e un número mínimo total de cinco grupos ou solistas programados. Na distribución das axudas por evento, distribúense entre os 5.310 euros e os 12.000 euros. Á espera de novos anuncios por parte de cada organización, nas primeiras confirmacións feitas públicas, Asalto ao Castelo de Vimianzo avanzou a presenza de Dakidarría, Ulex, De Ninghures e Yaya DJ. Pola súa banda, o Festival Alternativo Millo Verde comunicou xa tamén actuacións galegas con Nadie González, Vimbio, iYaman Pablo e Lula Mora.


