A Xunta convoca os patrocinios de festivais a través de FEST Galicia

Destina 350.000 euros a esta liña de contratos destinados aos eventos profesionais consolidados

Destina 350.000 euros a esta liña de contratos destinados aos eventos profesionais consolidados
Rompetiño Fest Foto: Cultura
A Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude, a través da Axencia Galega de industrias Culturais, ven de publicar no Diario Oficial de Galicia deste luns a convocatoria anual de adhesión de festivais de música á marca FEST Galicia, o selo creado pola Xunta para apoiar a través de contratos de patrocinio a eventos estratéxicos que difunden a imaxe da nosa Comunidade como destino musical. Cun orzamento de 350.000 euros, esta é agora a liña de apoio máis forte da consellería aos festivais, complementada con outra de de 50.000 euros en subvencións destinadas especificamente á contratación de bandas ou solistas de Galicia en festivais de música de pequeno tamaño,

No caso da adhesión dos eventos a FEST Galicia se materializará na formalización de contratos de patrocinio con entidades privadas que organicen encontros destas características, con datas de celebración entre o 15 de xuño e o 30 de setembro. O prazo de solicitude permanecerá aberto desde hoxe e ata o 2 de xuño a través da sede electrónica da Xunta. Ademais da profesionalidade na súa xestión, os festivais que opten a esta convocatoria deberán ter formado parte da marca anteriormente, contar cun orzamento de execución na edición de 2024 superior aos 100.000 euros, poñer á venda un mínimo do 95% das súas entradas ou estar adheridos ao programa Carné Xove. Entre os requisitos da nova convocatoria de FEST Galicia, destaca tamén o incremento do número de propostas galegas en cartel, establecendo un mínimo de catro bandas ou solistas nos eventos patrocinados.

As bases establecen tres categorías diferentes de patrocinio segundo o número de edicións celebradas e o tempo de adhesión á marca FEST Galicia. En función destas categorías, a achega económica da Xunta sitúase nunha franxa máxima de entre 30.000 e 80.000 euros por evento, incrementándose en 10.000 euros con respecto ao ano pasado. A través de FEST Galicia búscase contribuír a crear valor engadido en festivais con características singulares e diferenciadoras, amosando ao tempo a diversidade e a pluralidade do talento musical e favorecendo a descentralización da oferta cultural. Ademais de estes patrocinios a Xu8nta de Galicia tamén ten outros con determinados festivais a través da marca Xacobeo.