Unha das imaxes de Terra Queimada, de Brais Lorenzo. Fonte: World Press Photo
Unha reportaxe sobre a vaga de lumes forestais que asolou Galicia en 2025 valeulle ao fotógrafo ourensán Brais Lorenzo facerse cun prestixiosos galardóns World Press Photo. O galego foi seleccionado como un dos sete gañadores na rexión europea por este traballo na categoría de reportaxe gráfica, e opta a se facer co galardón mundial canda a 41 profesionais máis das seis rexións en que se organiza o certame. En total presentáronse a esta edición do concurso 3.747 fotógrafos de 141 países.
O xurado do galardón valorou do traballo de Lorenzo que "ofrece unha visión urxente e completa dos incendios forestais que asolan España, a achegar unha proximidade ás lapas combinada coa perspectiva persoal do fotógrafo". Destaca ademais "unha paleta audaz e unificada e composicións variadas" en imaxes que "transmiten a magnitude dos lumes, o baleiro das aldeas despoboadas, a complexa interacción entre as paisaxes en mudanza, o cambio climático e o costo humano das decisións políticas locais".

